Por fín chega o fín do curso escolar

Por fín chega o fín do curso escolar
16 de Abril, 2020 - 12:50 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos co secretario Xeral da CIG Ensino sobre a fín do curso e a maneira de acabalo. Sobre a fenda dixital patente nesta crise e sobre os males permanentes a correxir do noso ensino.

ESCOITA O PODCAST:

Promoción

Por fin pronunciouse a Conferencia Sectorial do Ensino e puxo data e forma ao final do curso escolar 2019-2020. O día 19 de xuño darase por finalizado o curso e a promoción do alumnado, agás casos excepcionais, será a fórmula que prevaleza como colofón a este accidentado ano escolar. A CIG ensino manifesta o seu acordo con esta decisión do Ministerio, coa promoción xeral e a avaliación continua, si ben critica a tardanza na resoluciónque provocou dúas semanas de incertidume para a comunidade educativa. Resalta tamén as dúbidas sobre como se desenvolverá en Galiza a normativa. O secretario xeral da CIG Ensino, Suso Bermello, fai unha chamada de atención, no sentido de que eses dous conceptos- promoción e avaliación continua-  xa forman parte teoricamente do común da educación, outra cousa é que se practiquen. E pon un dato sobre a mesa, no Estado español é, con moito, onde hai máis repetidores de toda a comunidade europea. De feito a CIG presentou emendas aos últimos informes do sistema educativo no sentido de reducir o número do alumnado repetidor, pero non aprobar por aprobar senón a través do reforzo educativo, a redución da ratio ou os desdobres de aulas.

Fenda dixital

Suso Bermello refírese a outro problema habitual, o inflado dos temarios, susceptible de corrixirse. “Os pais e nais saben que son inasumibles e que o profesorado vese na obriga de seleccionar” aclara o secretario xeral da CIG Ensino co que abordamos outro aspecto que quedou ben patente nesta crise sanitaria do Covid19, a fenda dixital. “É un síntoma igual que a febre” exemplifica Bermello, unha realidade moi dura das enormes diferencias sociais existentes. Quedou patente nesta alarma sanitaria o deficiente acceso a internet en amplas zonas rurais. Por iso desde este momento, igual que ocorre coa auga e a luz, o acceso a internet debe ser algo fundamental, defende Bermello. Pero a fenda social non se soluciona so con iso, porque a perda de emprego que acaba de producirse vai ser un lastre no futuro.

A CIG está a rematar un estudo sobre a formación de alumnado e profesorado nas novas tecnoloxías. Á espera dos resultados definitivos, Bermello adiántanos que a maioría do profesorado cría que tiña unha formación básica suficiente para manexarse nas novas tecnoloxías no ensino presencial ordinario, pero non é suficiente na situación actual. No que toca ao alumnado, ao que denominamos “nativos dixitais” os seus coñecementos limítanse a unha serie de función relacionadas cos móbiles e as redes sociais- maiormente instagram- pero teñen problemas á hora de utilizalos como ferramentas didácticas, para cambiar un documento de pdf a word, campos virtuais ou programas específicos.

(Na imaxe, celebración escolar dos Maios en Fene no 2019)

Cultura

Publica o teu comentario agora