Por unha sanidade pública de calidade

Por unha sanidade pública de calidade
09 de Febreiro, 2020 - 06:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Pero de 10.000 persoas manifestaronse este mediodia polas rúas de Santiago de Compostela demandando "unha sanidade pública de calidade" e en "oposición aos continuos recortes no servizo aplicados polo goberno Feixoo". SOS Sanidade pública convocou a protesta na que participaron colectivos médicos, da enfermería e de numerosas vilas afectadas de xeito especial polos recortes sanitarios. Verín non se pecha foi un dos lemas máis repetidos.

Fotografía: Galicia Confidencial

A berro de: 'Feijóo escoita, Galiza está en loita'; a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública partiu da Alameda e foise estendendo polas rúas máis céntricas de Compostela ata acabar na Praza da Quintana. Mentres a cabeza da protesta chegaba ao momento de destino, os últimos manifestantes estaban a saír do parque santiagués. 

Cidadanía, asociacións, organizacións sindicais e todos os partidos políticos da oposición no Parlamento de Galicia mostráronse "unidos" fronte a unha "Xunta que fai oídos xordos ao clamor popular", que este domingo se fixo notar na rúa de forma masiva, pero que se reivindica cada semana en diferentes puntos de Galicia fronte a centros de saúde e hospitais comarcais.

Moitos son os motivos que trouxeron a estes miles de galegos e galegas a Santiago nesta xornada de manifestación. No entanto, a todos os une "a dignidade e os dereitos para as persoas" que demandan ao Goberno galego en materia de sanidade, un "dereito universal" que debe estar "garantido", ser "accesible, eficaz e equitativo" en calquera parte do territorio.

As reivindicacións para A Estrada, Dozón, A Rúa, Costa da Morte, A Mariña ou Lalín estiveron presentes nos centos de pancartas que portaban os protestantes. Con todo, o baluarte e "mellor exemplo" da mobilización estivo protagonizado por Verín.

Sociedade

Publica o teu comentario agora