As posibilidades do rural

As posibilidades do rural

25 de Agosto, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Produtos da terra, artesanía e artigos de segunda man amosaranse na Sexta Feira Rural que o vindeiro sábado celebra San Sadurniño. Comezará ás dez e media da mañá no lugar da Cortiña e ofrecerá a posibilidade dun paseo en caiac polo río Xuvia, entre numerosas propostas de actividade.

A programación da VI Feira Rural do próximo sábado está practicamente pechada. A zona da Cortiña acollerá unha chea de actividades entre as que destacan o concurso de froita autóctona, o mercado de produtos da terra, artesanía e segunda man. Porén, canda elas tamén haberá exposicións permanentes, degustacións, música e mesmo cousas para a rapazada, como os xogos tradicionais ou o obradoiro de cociña creativa que se desenvolverá durante a tarde.

A VI Feira Rural de San Sadurniño comezará ás 10.30h e prolongarase até as 19.30 cun completo programa de propostas principais e outras complementarias. Entre as principais cóntase, ademais da exposición de froita, a zona para que os labregos e labregas da comarca poidan comercializar directamente os seus produtos de calidade. Á feira incorporaranse a práctica totalidade dos expositores e expositoras que participan habitualmente nos mercados locais, onde se dan cita comercializadores agroalimentarios, artesáns e mesmo persoas interesadas en mercar, vender ou intercambiar artigos de segunda man.

A feira pretende ser unha chamada de atención sobre a necesidade de diversificar a economía rural dun xeito sustentable e aproveitando todos os recursos que ofrece o contorno, xa sexan naturais, agrícolas, patrimoniais ou de calquera outro tipo. Pero estando en pleno verán -aínda que non se note- e á beira do río Xubia, o evento tamén será unha escusa para o lecer e para o goce do espazo da Cortiña. Así, durante todo o día poderemos percorrer o río en caiac, participar en obradoiros e degustacións ou incluso dar unha volta en bici polo concello coa familia antes de xantar.

E falando de xantar, na feira haberá un posto con polbo e churrasco con prezos axustados. Aínda que tamén hai a posibilidade de ir xantar a algún dos restaurantes próximos ou a calquera dos que hai no municipio. Iso si, o mellor é reservar con tempo de adianto para non ter que esperar demasiado.

Velaí o programa completo sobre o que se irá ofrecendo máis información nos próximos días:

10.30 a 19.30 h. Exposicións Permanentes:
-Mercado local xusto, con produtos da terra, artesanía e artigos de segunda man.
-Apicultura da Asociación A.G.A. de Ferrolterra
-Froita Autóctona da Asociación A.G.F.A. do Eume
-Cociñas e trebellos solares da Asociación Os Picos do Sol
-Can de Palleiro (raza autóctona)

Concurso da Froita Autóctona:
10.30 a 11.00 h. Inscricións de lotes de froita para concurso.
13.30 h. Fallo do concurso da froita e entrega de premios. A iso das 14 h. sortearase un cesto de froita do país. Volverá haber outro ás 19.30 h. cadrando coa clausura da feira.

Catas-degustacións:
12.00 h. Viño e sidra elaborada no C.F.E.A de Guísamo (uva autóctona Branca Lexítima e mazá autóctona galega).
17.00 h. Cervexa elaborada no programa Tempos para Compartir por Elías Sixto e Miguel Soto .

Actividades paralelas:
11.00 a 13.30 h. Pasacorredoiras da Asociación Folclórica Cultural “Berros do Castro”
11.00 a 14.00 h. III Copa Agility grado 0 e 1 Concello de San Sadurniño
11.00 a 14.00 h. Carpa informativa "Xplora Xuventude" con información sobre programas da Xunta para a mocidade.
11.00 a 14.00 h. e 15.30 a 19.00 h. Baixadas en caiac polo río Xubia.
11.00 a 19.30 h Xogos xigantes e Obradoiro de circo da Asoc. Os Picos do Sol
11.30 h., Saída da XII Roda Cicloturista Concello de San Sadurniño (9 kilómetros)
11.30 e 17:00 h. Visita guiada á Horta de Froiteiras Autóctonas. Ás 16.30 renderáselle homenaxe a Carlos Fornos, fundador e presidente da AGFA do Eume case ata o seu pasamento, que se produciu recentemente.
12.30 e 18.00 h. Visita guiada ao Apiario Didáctico.
16.00 a 17.30 e de 17.30 a 19.00 h. Obradorio de cociña creativa para nenos e nenas "Cociñar e xogar todo é mesturar" (Inscricións no posto do Concello). Dirixido a público infantil entre 3 e 12 anos.
18.00 h. Roi Sixto co espectáculo “Roi o cagabolas”

Sociedade