A Praza ferrolana do Callao estará lista en novembro

A Praza ferrolana do Callao estará lista en novembro

06 de Novembro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O concelleiro delegado da Área de Urbanismo e Medio Ambiente, Guillermo Evia Pérez, visitou este mediodía as obras de mellora da praza do Callao, acompañado de responsables da empresa adxudicataria que se encarga da realización das mesmas: Construmax de Contratas S.L. O obxectivo desta visita foi comprobar in situ o estado de execución desta intervención e cotexar que os traballos “avanzan a bo ritmo e que se están materializando correctame

Guillermo Evia subliñou que o elevado nivel de execución da actuación, no que nas súas diferentes fases traballaron preto de unha vintena de operarios, permite aventurar un adianto nos prazos de entrega. Deste xeito, e de non producirse imprevisto algún, os encargados da adxudicataria apuntaron que a reforma integral da praza do Callao podería estar lista a finais do presente mes de novembro. Esta data de finalización supón un adianto de un mes con respecto ao previsto inicialmente na contratación das obras. “Os traballos poden rematar un mes antes e cumprindo tanto o proxecto como o orzamento de adxudicación, sen demoras nin incrementos económicos inesperados”, apuntou Guillermo Evia, que engadiu que “esta é unha forma de actuar que será norma ao longo de todo o mandato”.  Cómpre lembrar que a mellora do Callao adxudicouse por un importe final de 272.640,08 euros e un prazo de execución máximo de 4 meses.

No que atinxe ás obras en si, consisten no levantamento do empedrado, a substitución da laxa de formigón en masa por outra de formigón armado de 20 centímetros máis 10 centímetros de espesor e colocación novamente do empedrado sobre morteiro en estado semiseco. Ademais,  acondicionáronse os pasos de peóns con lousa de pedra de 10 centímetros de espesor e aproveitouse a intervención na praza para renovar as conexións de auga no entorno da rúa Lugo.

Con esta intervención se porá fin de maneira definitiva ás múltiples deficiencias e fochancas que dende hai anos ten este espazo público, que é a principal vía de saída do centro urbano e que presentaba dende hai anos un estado de conservación deplorable. A mellora do Callao responde, ademais, a unha demanda histórica da cidadanía e á súa execución a Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo de Guillermo Evia destinou un orzamento que triplica o que se manexaba no anterior mandato para unhas obras que o executivo socialista nunca chegou a realizar.

Sociedade