Precisamos mensaxes claras

A saída máis airosa da crise sanitaria
16 de Setembro, 2020 - 11:32 h. | Publicada por Radio Fene

As contradiccións nas mensaxes, a incerteza da situación, o medo que persiste e a vacina que chega e non chega, escolas que empezan e que non empezan. Reflexionamos sobre isto con José Barcia.

ESCOITA O PODCAST:

Estamos inmersos na segunda onda do coronavirus. Fálase dun posible colapso sanitario pero, ao tempo, fálasenos da importancia de ir retornando á normalidade. Pasamos da mensaxe “queda na casa” porque fora había un perigo, a que vaiamos saíndo porque a economía non o resiste. O medo alimentouse, engordou moitísimo e agora temos que saír aínda que a situación non estea ben. O psicólogo José Barcia indaga nesas contradicións para alertar de que a incerteza segue a ser o principal escollo para retornar á normalidade.

As contradicións e os debates públicos non axudan, advirte Barcia quen pon de exemplo o contrasentido de que nos campos de fútbol non haxa público fronte a colexios cheos de nenos e nenas. “Como en todas as crises debe haber un líder que tome decisións e marque o camiño, como o capitán dun barco que se afunde. Hai que facer un esforzo comunicativo moi grande”. A volta ás clases é mais do mesmo, en palabras de José Barcia. Empezou un grupo de idade e outro retárdase. “Temos que monitorizar aos fillos antes de saír para o colexio, pero se facemos caso ao montón de síntomas que se describen, non os mandaríamos nunca. Así se alimenta máis a incerteza e o medo”.

Opina que deberiamos enfocar o retorno á normalidade dun xeito máis amable, asumindo que hai que afrontalo e dirixindo a atención a aquilo que está funcionando. A volta aos cursos de inglés, de pilates, ao cine… “A realidade é máis luminosa do que moita xente a ve”. Dirixe Barcia esta mensaxe ás persoas que non saen aínda da casa por medo, un medo que non ten forma. Advirte que “se atrasamos en exceso ese momento, poden xerarse trastornos máis graves que o propio medo”. Tamén fala Barcia no espazo Vilanova da excesiva focalización na vacina e o pouco que se fala dos tratamentos que están funcionando.

Se hoxe mesmo nos ofreceran a posibilidade de vacinarnos, 1/3 da poboación diría que si, 1/3 diría que non e o resto, como bos galegos, darían por resposta un “depende”. Así o sinalan as enquisas.

 

 

(Na imaxe, Colexio O Ramo de Barallobre)

Sociedade

Publica o teu comentario agora