Premio á mellor pilota

Scratch Fene encárgase da organización do Slalom de Guitiriz
07 de Setembro, 2020 - 02:17 h. | Publicada por Radio Fene

A firma Heroina únese a Scratch Fene no Primeiro Slalom Concello de Guitiriz para premiar á mellor pilota. A escuadra fenesa organizará o vindeiro sábado 12 a primeira proba puntuable para o galego da modalidade neste 2020.

A primeira edición do Slalom Concello de Guitiriz terá lugar no campo da feira da localidade luguesa. A proba estaba calendada inicialmente para o 28 de marzo. Tivo que ser aprazada a causa do COVID19. Esta carreira será a primeira da tempada da modalidade de slalom e ademais, a novidade do calendario da especialidade. O concello de Guitiriz, apoiado no entusiasta interese de afeccionados ao mundo do motor da localidade, contará coa experimentada Escuadra Scratch Fene na organización do evento deportivo. A entidade fenesa, conta ás súas costas coa organización de 15 edicións do Slalom de Fene, do Slalom Real Vila de Neda e a axuda na realización dos slaloms de Muros e Luintra; sendo unha das escuadras con máis experiencia na organización deste tipo de probas en Galicia.

A Escuadra Scratch Fene chegou a un acordo con HEROÍNA CONCEPT STORE para que a mellor pilota na proba lucense obteña un premio en metálico de trescentos euros. Esta firma de roupa e complementos, realiza esta achega como unha mostra do seu decidido apoio ás mulleres. O acceso á zona de competición estará controlado por medio dun sistema de códigos QR que os afeccionados deberán de descargar antes do sábado 12 ás 14:00 horas e que permitirá facer un rastrexo en caso de producirse calquera situación asociada ao COVID19. Este sistema, posto en marcha con gran éxito no pasado Rallye de Ferrol, está dispoñible grazas á firma Rallycar.

(Na imaxe, Fátima Ameneiro)

Deportes

Publica o teu comentario agora