Premio aos profesionais de Enfermería na Xerencia de Ferrol

Premio aos profesionais de Enfermería na Xerencia de Ferrol

13 de Outubro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Profesionais de Enfermaría de Oftalmoloxía da Xerencia Integrada de Ferrol reciben, por terceira vez, o premio ó Mellor proxecto de Investigación, no marco do XIV Congreso da Sociedade Española de Enfermaría Oftalmolóxica. O traballo galardoado é Os ollos dos Saharauis, e realiza unha análise das razóns polas que algúns dos nenos saharauis que acoden ó Hospital Naval  do Complexo Hospitalario Universitario de Ferr

 “Este premio demostra a importancia de que que as enfermeiras non nos quedernos na superficie de calquera feito. Temos que afondar na causa pola que ocorren as cousas, para ofrecer uns mellores resultados”, explica Pilar Darriba Rodríguez, a enfermeira que presentou o traballo neste congreso, que se celebrou os pasados 2, 3, e 4 de outubro, en Bilbao. Colaboraron neste traballo tamén as profesionais de Enfermaría de Oftalmoloxía da Xerencia ferrolá, Coral Cerdido Pintos e Raquel Salgado Seco; e a farmacéutica do centro de saúde Fontenla Maristany de Ferrol, María Jesús González Martínez.

Durante o verán, e por mor dun convenio do Servizo Galego de Saúde, nenos saharauis incluídos no Programa Vacacións en Paz acoden á revisión oftalmolóxica na Consulta de Oftalmoloxía do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario ferrolá. Entre outras moitas atencións e tratamentos, a algúns destes nenos se lle prescribe o emprego de gafas; e estas profesionais observan que estes rapaces nalgúns casos  non cumpren ese tratamento. Plantéxanse, polo tanto a necesidade de coñecer o entorno cultural e social destes nenos para aplicar os coidados en función dese contexto cultural. “É o modelo Leininger, un modelo de coidados transculturais -explica Pilar Darriba-, é necesario ter en conta sempre ese contexto para dar mellores respostas”.

 

Neste senso, analizaron cada caso, en base a revisión das historias clínicas, para valorar o emprego das gafas prescritas, e, coñecer a prevaleza das patoloxías e problemas visuais, coa finalidade de realizar intervencións enfermeiras transculturais, “é dicir -afonda esta enfermeira- “ver por que se producen estes incumprimentos”. Analizáronse os datos cuantitativamente, e tamén se empregou unha metodoloxía de índole cualitativo, explorando aspectos da súa cultura, e mediante entrevistas a persoas relacionadas con estes nenos como as asociacións en torno a este programa de Vacacións en Paz. “Nesta ocasión, alcanzouse o que se coñece metodoloxicamente como saturación de datos; unha coincidencia ó cento por cento na percepción dos entrevistados”.

Analizouse a atención oftalmolóxica a máis de 290 nenos nos últimos 12 anos (entre o 2002 e o 2013, ámbolos dous incluídos), nos que se realizaron revisións oftalmolóxicas a unha media anual de 38 nenos. Prescribíronse gafas a 51 deses nenos, e puxeron as gafas o 18% dos mesmos. O defecto visual predominante é a hipermetropía e o astigmatismo; e comprobouse que empregaban máis as gafas aqueles que tiñan ese problema visual nunha cifra superior ás dúas dioptrías. Trala análise derivouse que son motivos culturais e sociais os que dificultan o seguimento; “a percepción de que se considera un defecto, ou outras crenzas sociais motivadas pola súa cultura guerreira e nómada”, explica Pilar Darriba.

Por isto, inciden na importancia de que no ámbito da Enfermaría “se detecte un problema, se investigue, e se poidan dar solucións ou directrices”. As profesionais concluíron que “coñece-la cultura do paciente que se coida implica aceptar e respectar as súas diferenzas, e tentar comprender como afectan á súa saúde, buscando estratexias para acadar coidados máis axeitados para cada persoa. “Agora sabemos que temos que insistir máis no entorno dese neno durante a súa estadía aquí, e darlles consello sobre o emprego das gafas sen que choquen coa súa cultura; incidindo, entre outras cuestións, e por poñer un exemplo, naqueles personaxes importantes que empregan gafas do seu país; explicar e reiterar a importancia do tratamento tanto a eles como ós seus ”pais acolledores”, para que o poidan transmitir, e se consigan así mellores resultados”, remata Pilar Darriba.

Premio de honra e membro da academia de Enfermaría

No marco deste encontro, a enfermeira de Oftalmoloxía recibiu tamén o IV premio de Honra “Fernando Pérez Camacho”, que esta Sociedade Española outorga a alguén destacado da comunidade enfermeira.

Sociedade