Premios Curuxa

Premios Curuxa
04 de Xullo, 2023 - 02:06 h. | Publicada por Radio Fene

Santy Gutiérrez, Alejandro Vázquez Búa e Pedro Bouza forman parte do xurado dos Premios Curuxa 2023 que se reúne este mércores en Fene

O humorista gráfico Santy Gutierrez, o gañador do 2º premio Curuxa 2022, Manuel Alejandro Vázquez Búa, e o gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022, Pedro Bouza Bernárdez, forman parte do xurado do XXVII Concurso de Humor Gráfico “Premios Curuxa 2023” que se reunirá este mércores, 5 de xullo, ás 12 horas no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. Tal e como se establece nas bases do certame, completarán o xurado o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).

SANTIAGO GUTIÉRREZ GÓMEZ, “SANTY GUTIÉRREZ”, humorista gráfico (Vigo, 1971). Adícase profesionalmente ao debuxo dende 1993, realizando viñetas de humor gráfico para a prensa galega. Ten colaborado con El Correo Gallego, La Voz de Galicia, La Región de Ourense, Atlántico Diario, e actualmente ten sección diaria no xornal Diario de Pontevedra, El Progreso de Lugo, La Opinión de A Coruña, L-V, La Opinión de Tenerife e Diario de Mallorca. O seu traballo como humorista gráfico valeulle numerosos recoñecementos, entre os que salientan o primeiro premio e dous accésits no concurso nacional de Humor Gráfico Joven&Brillante e o primeiro premio da Bienal da caricatura de Ourense. Tamén ten colaborado con revistas de tirada nacional como MisterK, El Jueves, Autobild e Personal Computer & Internet (ed. Axel Springer). Como ilustrador editorial posúe un amplo catálogo de títulos publicados, destacando a súa traxectoria en libros de texto e de literatura infantil e xuvenil, traballando de xeito regular para editoriais como Xerais, Anaya, Rodeira, Edebé, Bromera Edicións, Pearson Publishers, Edelvives ou Bruño. Entre os libros que ten publicado (ou nos que ten colaboradorado), salientan: Dame la mano, de Santy Gutiérrez e Seve Calleja, e Estanislao, principe de Sofrovia, de Santy Gutiérrez e Manuel Lourenzo), publicados por Ed. Xerais de Galicia; La Bruja que se comía las palabras bonitas, de Santy Gutiérrez e Antonio Rdz. Almodóvar, editado por Bromera. Polvo de estrellas, de Santy Gutiérrez e Xurxo Mariño (Consello da Cultura Galega). Santy Gutiérrez, licencia para incordiar (libro recopilatorio das suas viñetas en prensa); Sam Zipper, Cataratas a domicilio, Sam Zipper, Suspenso en salami, Sam Zipper, El día de la Iguana, Sam Zipper, La noche que me cargué la excursión, Sam Zipper, Los Calcetines de la suerte, de Henry Winkler, Lin Oliver e Santy Gutiérrez (de. Bruño); Tanis primeiro o mocos, de Santy Gutiérrez e Manuel Lourenzo; Un fantasma en apuros, de Santy Gutiérrez e Laura Gallego (ed. Bromera). Membro fundador do estudio Baobab, estudio de referencia no noroeste español onde comparten espazo de traballo e sinerxias profesionais un dos grupos de autres máis destacados do sector en Galicia. Santy Gutiérrez é expresidente da Asociación GAlega de Profesionais da Ilustración (AGPI), plataforma integrada na Federación Nacional de Asociacións de Ilustradores Profesionais e dende a que traballa para a mellora global das condicións profesionais e a dignificación da profesión.

MANUEL ALEJANDRO VÁZQUEZ BÚA, humorista gráfico gañador do 2º premio Curuxa 2022 (Vilagarcía de Arousa, 1994). Graduado en Bioloxía pola USC. Na actualidade cursa 3º na Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración “O Garaxe Hermético” de Pontevedra. En 2022 foi o gañador do 2º premio Curuxa no Concurso de humor gráfico que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín. Tamén recibiu unha das “Prumas de prata” que outorga o Garaxe Hermético, no marco dos seus Premios de Fin de Curso.

PEDRO BOUZA BERNÁRDEZ, humorista gráfico gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022 (Culleredo, 1998). Graduado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade cursa o Máster Universitario en Estudos Avanzados de Filosofía pola Universidade de Salamanca. En 2022 foi o gañador do 1º premio Curuxa Nova no Concurso de humor gráfico que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín. Anteriormente, en 2012, gañara o certame de BD "=Traballo, persoas=/", organizado pola Deputación de A Coruña.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora