Prepárase a gala do deporte

Prepárase a gala do deporte
25 de Xaneiro, 2019 - 05:27 h. | Publicada por Radio Fene

Fene prepara a Gala do Deporte. Ainda non ten data pero quere recoñecer os méritos e traxectoria daquelas persoas que contriubiron de xeito decisivo ao longo destes últimos anos á promoción do deporte en Fene. Tamén se honrará aos deportistas e clubes destacados na pasada tempada.

Recepción aos deportistas de Fene. 2017

O Concello de Fene acolleu esta semana a sesión de constitución do Consello Municipal de Deportes, un órgano que reúne a representantes dos clubes deportivos, entidades que desenvolven actividades neste ámbito e ANPAS. Con el, segundo explicou o edil de área, Xoán Manuel Bastida, búscase favorecer a súa participación efectiva na toma de decisións municipais e impulsar proxectos e iniciativas que permitan a Fene recuperar a súa posición protagonista no mundo do deporte. Así, nesta primeira xuntanza, presidida polo alcalde, Gumersindo Galego, abordáronse xa na orde do día asuntos de especial relevancia.

Bastida avanzou a celebración, durante as vindeiras semanas, dos primeiros cursos formativos en materia de reanimación cardiopulmonar. Con 40 prazas, están dirixidos inicialmente aos traballadores municipais das instalacións deportivas, así como ao persoal que traballa nestas –como monitores, socorristas...-. Trátase do primeiro paso para converter a Fene nun municipio cardioprotexido, tras a recente adquisición de desfibriladores para os pavillóns de San Valentín e do Ramo, os campos de fútbol de Perlío e Maniños e a piscina municipal, xa que na actividade deportiva son máis frecuentes os casos de morte súbita. Así mesmo, Bastida avanzou que o seguinte paso será abrir estas accións formativas a todo o tecido asociativo –asociacións veciñais, institucións ou centros educativos- para que acollan os cursos coa vista posta en que participen neles todos os veciños e veciñas de Fene interesados.

Por último, na xuntanza abordáronse algunhas das citas do calendario deportivo para os próximos meses, entre as que figuran, en febreiro, varias competicións de cross que suporán a inauguración efectiva das novas pistas de atletismo habilitadas en Barallobre polo Concello.

Deportes

Publica o teu comentario agora