Presentouse o Festigal da rebeldía

Presentouse o Festigal da rebeldía

11 de Xullo, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Festigal trae a música galega máis reivindicativa de Sés, Nao, Festicultores e A Quenlla.  Na súa XII edición, este encontro anual coa creación artística servirá de escaparate ao activismo político e sociocultural de Galiza. Este vai ser o Festigal da rebeldía, do espazo común compartido das persoas que acreditan na soberanía para Galiza. Celebrase o 24 e 25 de xullo no Campus compostelán.Presentouse esta ma&

A comisión organizadora do Festigal, integrada por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, presentou o cartaz da décimo segunda edición deste evento xa consolidado no calendario de concertos de Galiza. Desta vez, o 24 de xullo subirán aos escenarios instalados no campus sur de Santiago de Compostela Sés, Nao, Festicultores e A Quenlla; no café concerto do 25 de xullo actuarán Habelas Hainas, Os da Ría, García MC, Grampoder, Tempo Catro Sexteto e o mago Antón.

 Deste xeito, “o Festigal aposta por música galega e por formacións que recuperen a tradición musical para a súa difusión e por novos estilos de vangarda”, sinalou Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre. “Concibimos o Festigal como un espazo de encontro e de rebeldía, cun carácter lúdico mais tamén reivindicativo”, engadiu Xavier Campos, da comisión organizadora. “Este vai ser o Festigal da rebeldía, do espazo común compartido das persoas que acreditan na soberanía para Galiza”, explicou.

 “Trátase dun espazo para reivindicar e para a amosar a cultura do noso país”, indicou Saleta Chao. Esta edición do Festigal, que mantén o carácter aberto e gratuíto, quere servir de escaparate á actividade que desenvolven os centros sociais como modelo de activismo político e sociocultural en Galiza. Por iso estarán presentes Cultura do País (Lugo), A Revira (Pontevedra), A Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela), Faísca (Vigo), Colectivo Terra (Pontedeume) e En pé (Pontevedra). Darase conta, así mesmo, da experiencia da escola de ensino galego "A Semente", como exemplo dun espazo de pedagoxía transformadora.

Entre as novidades deste ano, o Festigal vestirá roupa deportiva coa organización dunha liga de fútbol gaélico e dunha liga nacional de bilharda, nas que estarán representados os equipos galegos destes deportes tradicionais. Segundo explicou Xavier Campos, haberá unha exhibición “de loita medieval galega e cun triangular de fútbol gaélico, un deporte de recente implantación na nosa nación e que está a gañar adeptos e adeptas”.

Creación cultural galega

Ademais de música, de colectivos sociais e de deporte, haberá espazos para a creación cultural galega na galería das letras e das ideas, cunha táboa redonda sobre "A soberanía, a alternativa fronte á crise política e económica", con presenza do BNG, de ERC e de Sortu; e outro debate titulado "A mocidade pola soberanía", con Galiza Nova, Ernai, JERC, Bloc Jove e Gazte Abertzaleakek. Presentaranse tamén diversas novidades editoriais.

Para as crianzas, están previstos obradoiros infantís de construción de xoguetes e de instrumentos musicais, á parte de bailes e xogos tradicionais. A danza contemporánea chegará da man da compañía Cisma e Uxía Senlle presentará “Rosalía pequeniña”.

A oferta complétase coa habitual zona de xantar, tendas de artesanía, librarías e espazo para asociaciacións que converten o Festigal nun lugar de encontro para milleiros de persoas que cada ano se congregan en Santiago de Compostela para celebraren o Día da Patria Galega.

Máis de 100.000 persoas na última edición

“Na última edición viñeron máis de 100.000 persoas de toda Galiza, o que fai que o Festigal sexa un dos festivais con máis participación en todo o país”, explicou Alberte Mera, de Galiza Nova, quen lembrou que este evento contribuíu ao lanzamento de novos talentos así como á proxección de bandas consolidadas. Deste xeito, citou a Ultraqans, Susana Seivana, Deus ke te Crew ou Lamatumbá e artistas internacionais como Pablo Milanés ou La Phaze.

No acto de presentación aos medios de comunicación, organizado na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, estiveron Tania Ameneiro, Xavier Campos, Alberte Mera e Saleta Chao da comisión organizadora, ademais de Pablo Carracedo (Nao), Anxo Sánchez (Festicultores), Arantxa Alfaia e Patricia Gamallo (Habelas, hainas) e Pablo Bermejo (Liga de fútbol gaélico).

Sociedade