Preto de 7 mil persoas vistaron Ferrol durante agosto

Preto de 7 mil persoas vistaron Ferrol durante agosto

13 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ferrol duplicou en agosto o número de persoas que foron atendidas nas oficinas de turismo municipais. Así, un total de 6.873 persoas se achegaron aos puntos de información da rúa Magdalena e da dársena de Curuxeiras durante o mes pasado, fronte as 3.287 que o fixeran en xullo. As dependencias emprazadas en Curuxeiras atenderon a 5.564 visitantes, mentres que a situada no centro histórico da cidade recibiu a 1.309, segundo a memoria da Concellería de Turismo d

No que atinxe as estatísticas da oficina da Magdalena, o 84,57% dos turistas que solicitaron información procederon doutras localidades de España; o 6,72% do resto de Galicia e o 8,71% foron estranxeiros. Entre o turismo nacional, os lugares de orixe máis habituais foron Madrid (24,90%), Cataluña (10.08%), País Vasco (9,63%), Comunidade Valenciana (8,86%, Andalucía (7,87%) e Castela-León (5,73%). Así mesmo, os visitantes galegos que máis se achegaron a Ferrol foron os residentes na provincia de Pontevedra, que representaron o 3,82% do total de persoas atendidas nas dependencias do casco antigo da urbe naval. Entre os turistas internacionais, destacaron os chegados de Francia (2,70%), Italia (1,53%), Portugal (1,53%) e Alemaña (0,84%).

Pola súa banda, na Oficina Municipal de Turismo emprazada en Curuxeiras tamén se atendeu a unha maioría de visitantes nacionais (83,20%). A porcentaxe de persoas procedentes doutros municipios galegos foi do 6,34%, o que supón 353 persoas recibidas; e o turismo internacional representou o 10,46%, o que equivale a 582 visitantes. En canto ás principais procedencias do turismo nacional, Madrid encabeza o listado (24,82%), seguido de Cataluña (11,75%), Andalucía (8,45%), Castela-León (7,62%), Comunidade Valenciana (7,26%) e País Vasco (6,09%). Entre os galegos que acudiron a esta oficina situada no porto destacaron os que viñeron de Pontevedra (130 visitantes), os da provincia da Coruña (101) e os chegados de Lugo (64). Por último, entre os turistas estranxeiros, os maioritarios foron os franceses (2,70%), os portugueses (2,39%), os italianos (1,15%) e os alemáns (0,86%).

Datos comúns

Así as cousas e segundo reza na memoria do mes de agosto, os turistas que viñeron a Ferrol o fixeron grazas a unha visita anterior, por unha recomendación de amigos e/ou familiares, folletos turísticos e internet, por este orde. Sen embargo, a causa máis sinalada é “por outros motivos” e, entre eles, sobresae co 82% a realización da ruta polas Rías Altas ou o ter feito o servizo militar na cidade (2%).

Ademais, o grupo de idade maioritario que acudiu a estas oficinas de información turística é o de 31-60 anos: o 69% nas dependencias de Curuxeiras e o 66% nas da Magdalena. A continuación, sitúanse os visitantes de menos de 30 anos, co 24% no local do porto e o 26% no do casco antigo. A proporción mulleres-homes é practicamente igual: 50%-50% na oficina de Curuxeiras e 51% homes por 49% mulleres na da Magdalena.

As persoas que visitaron o mes pasado Ferrol valoraron o seu patrimonio histórico, a natureza e o paisaxe, a gastronomía e os eventos culturais programados. Hai que salientar que de cara a ofrecer unha mellor atención aos turistas internacionais, o Concello vén de contratar a edición en inglés dos folletos “Dez razóns para coñecer Ferrol” e “Ferrol urbano e cultural”. O obxectivo é dar unha mellor información aos visitantes estranxeiros e aos viaxeiros en cruceiros que cheguen á cidade nos vindeiros meses.

Sociedade