Previr é educar en igualdade

Previr é educar en igualdade

26 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellaría de Servizos Sociais de Ares, que dirixe en funcións a socialista Victoria Montenegro, a través do CIM (Centro de Información á Muller), e coa coordinación de Edesga e a colaboración da Deputación, organiza a que será cuarta edición das Xornadas sobre a violencia de xénero, que nesta ocasión levan o título “Intervir é previr”. Como o ano anterior, a iniciativa de

En total, ofrécense cen prazas, que se cubrirán por rigurosa orde de inscripción. Ademais, habilitarase durante os dous días de conferencias e mesas redondas un espazo de atención á infancia para os fillos de 3 e 12 anos daquelas persoas que estean inscritas nas xornadas e queiran facer uso deste servizo que se ofrece para facilitar a participación.  

O programa, que abordará diferentes cuestións vencelladas coa violencia de xénero e contará con algúns dos mellores profesionais a nivel galego e incluso nacional, comezará o día 2 de xuño (xoves) ás 09.30, coa recollida das acreditacións e documentación dos participantes. Media hora máis tarde, levarase a cabo o acto de inauguración, que correrá a cargo do alcalde en funcións de Ares, Julio Iglesias, e da deputada socialista no Parlamento Galego Beatriz Sestayo Doce. A propia Sestayo será a encargada de moderar a primeira mesa redonda, prevista para as 10.30, que levará o título “Asociacións contra a violencia de xénero e axuda ás mulleres maltratadas”. Nesta intervirán representantes da Asociación Enriqueta Otero de Lugo, de Almat de Ferrol e da casa de acollida para mulleres “Betania de JN”.  

Despois dun descanso, Silvia Pérez Freire, profesora de Socioloxía da UDV, pronunciará unha conferencia sobre a explotación sexual; charla que precederá á pausa para o xantar.  

A xornada de tarde iniciarase ás 16.00 horas, cunha conferencia na que a licenciada en Mediciña e catedrática de procesos sanitarios Lola Ferreiro Díaz falará sobre a repercusión da violencia de xénero na saúde. O día rematará coa mesa redonda que moderará Natalia Domínguez Galán, educadora, pedagoga e experta en igualdade, e que se titulará “Expresións artísticas, unha ollada diferente”. Intervirán neste debate Anna Amorós Pons, profesora titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UDV, e Patricia Lorenzo, actriz do grupo Chévere Compañía de Teatro.  

Tamén ás 10.00 comezará a segunda e derradeira xornada sobre violencia de xénero do Concello de Ares. A xornalista e investigadora en comunicación e xénero Ana Belén Puñal Pama será a encargada de pronunciar a primeira conferencia, na que se afondará sobre o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación.  

A continuación, e despois dunha breve pausa de media hora, desenvolverase unha mesa redonda, a de “Educar para previr”. Nesta, moderada pola investigadora en formación de Socioloxía da UDV Ana Touriño,  tomarán parte representantes da Asociación Chisem, así como Branca Nazaré Guerreiro Muñoz –CPI Dr. López Suárez- e responsables do Observatorio da Mariña pola Igualdade.  

Xa pola tarde, o profesor de Psicoloxía Social José María Rolón Varela realizará unha intervención sobre o acoso laboral e a súa relación coa violencia de xénero, para rematar a xornada coa obra de teatro “Horario. Diario dunha muller maltratada”, que porá en escea a compañía N+1 Teatro.  

A concelleira en funcións de Servizos Sociais, Victoria Montenegro, será a encargada de presidir o acto de clausura e a entrega de diplomas aos participantes nesta iniciativa, que en edicións anteriores obtivo un máis que destacado éxito, e que este vai no mesmo camiño, posto que ata o momento xa hai máis de corenta persoas inscritas.

Sociedade