Primeiro premio á enfermaría

Primeiro premio á enfermaría
10 de Abril, 2019 - 12:44 h. | Publicada por Radio Fene

A enfermaría da área sanitaria de Ferrol recibiu o primeiro premio no Congreso da Federación de Asociacións de Enfermaría comunitaria e primaria. Foi galardoada unha guía en formato póster que facilita a identificación e admiistración dos fármacos máis habituais nas emerxencias nun Punto de Atención Continuada. A enfermeira interna residente Patricia Torres, e a súa titora Marisa Freire, do PAC de Narón, son as autoras deste estudo transversal premiado.Seleccionaron un total de 36 medicamentos e os clasificaron por cores en seis familias farmacolóxicas, de acordo co seu uso cotiá, e relacionadas coas vías de administración máis comúns.É útil tanto para profesionais, como alumnos de pregrao e especialistas en formación, por ser un recurso didáctico e pedagóxico.

Enremeiras residentes e titores da área sanitaria de Ferrol

Unha guía en formato póster que facilita a identificación e administración dos fármacos máis habituais nas emerxencias nun Punto de Atención Continuada foi o primeiro premio a nivel nacional no XI Congreso Nacional da Federación de Asociacións de Enfermaría Comunitaria e Atención Primaria, que se celebraba esta fin de semana en Vitoria. Neste encontro, houbo unha ampla representación da Enfermaría Familiar e Comunitaria da área ferrolá, xa que acudiron catro titores e sete dos oito enfermeiros internos residentes da área (EIR), e presentáronse un total de seis traballos. Lembrar que esta área, xunto con Coruña, foi das primeiras de Galicia en formar nesta especialidade enfermeira.
A Enfermeira Interna Residente, Patricia Torres Álvarez; e a súa titora, a profesional de Enfermaría do Punto de Atención Continuada de Narón, Marisa Freire Rivas, son as autoras deste estudo observacional, descritivo, e transversal galardoado. Estas profesionais partían da base de que “os erros de medicación e as súas consecuencias negativas constitúen un grave problema sanitario”, e que “a maioría dos fármacos de uso en emerxencias son de alto risco polo que se fai prioritario controlar a súa seguridade clínica potenciando os protocolos de identificación e administración correcta, que reduzan a variabilidade clínica e melloren a seguridade asistencial”.

Estas dúas profesionais revisaron ata 181 documentos que cumprían cos obxectivos do estudo, e valoraron os fármacos dispoñibles, para o que consultaron as referencias bibliográficas e descritores existentes para valorar todos eses elementos de emprego habitual. A guía final foi revisada polo Servizo de Farmacia da área ferrolá. Seleccionaron un total de 36 medicamentos e os clasificaron por cores en seis familias farmacolóxicas, de acordo co seu uso cotiá, e relacionadas coas cinco vías de administración máis comúns. Empregaron para esta clasificación o formato visual de guía póster, manexable en varios tamaños, e que xa está dispoñible no centro de saúde e no PAC.

Esta guía, conclúen no traballo premiado, “facilita a identificación e a administración de fármacos de emprego máis habitual en emerxencias”, e é “útil tanto para profesionais, como alumnos de pregrao e especialistas en formación, por ser un recurso didáctico e pedagóxico para a formación continuada debido ó seu tamaño reducido, a manexabilidade, a simplicidade e a síntese de coñecemento sobre estes fármacos de alto risco”.
Estas profesionais valoran este galardón: “estamos orgullosas polo recoñecemento, e agradecidas ós nosos compañeiros e á unidade de Docencia”. Pola súa banda, a EIR destacaba estar “moi contenta xa que é o primeiro Congreso ó que asisto, ó que se suma o feito de que sexa nacional, e sexamos premiados”. Ámbalas dúas destacan como moi enriquecedor o feito de “acudir todos xuntos, titores e residentes, e coñecer as experiencias neste ámbito noutros lugares de España”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora