Promoción de hábitos saudables no Centro Comarcal de Ordes

Promoción de hábitos saudables no Centro Comarcal de Ordes

11 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes ten previsto celebrar mañá martes 12 de xaneiro, un obradoiro sobre a promoción de hábitos saudables e traballo en habilidades sociais para a prevención das drogodependencias. Un obradoiro que terá lugar en horario de mañá no Centro Comarcal de Ordes, e no que participarán preto dun centenar de alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo.

A través desta iniciativa intentarase concienciar aos mozos e mozas ordenses sobre a importancia de contar cuns hábitos de vida saudables, así como cuestións relativas ás drogodependencias e as súas consecuencias negativas.

Segundo palabras do concelleiro de Sanidade do Concello de Ordes, Xesús Pedreira, “mediante a realización destos obradoiros de saúde os e as xoves poden expresar opinións e plantexar dúbidas, debatir en grupo, intercambiar experiencias que permiten poder aclarar e resolver inquedanzas e recibir información e recursos que fagan posible manter comportamentos saudables”.

Este obradoiro enmárcase dentro dun ciclo de obradoiros de saúde que o Concello de Ordes organiza en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia, e que daba comenzo o pasado mes de decembro coa celebración dun taller sobre prevención do VIH, no que tamén participaron 80 alumnos do IES Maruxa Mallo, e que se completará con outros obradoiros sobre educación sexual que terán lugar durante o curso escolar.

Está previsto que mañá ás 12 horas o alcalde, Manuel Regos e o concelleiro Xesús Pedreira acudan ao mesmo.

Sociedade