Promovendo os estudos de xénero

Promovendo os estudos de xénero

07 de Marzo, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

A nova convocatoria das bolsas de investigación da Deputación da Coruña inclúe, como novidade, a creación de dúas bolsas para a área de estudos de xénero. A iniciativa afonda na liña da área de incentivar a igualdade desde o ámbito da cultura.

Dúas novas bolsas de investigacións na área de estudos de xénero incorpóranse á convocatoría da Área de Cultura da Deputación da Coruña desde a que cada ano se promove a investigación nas áreas de ciencias sociais e xurídicas, ciencias, ciencias da saúde, enxeñería e arquitectura, artes e humanidades. Outra das novidades  é tamén a inclusión da área de planificación sociolingüística da lingua galega na relación de bolsas.

 

“O obxectivo é axudar á investigación universitaria e promover a innovación nos diferentes ámbitos académicos. A novidade maior é o recoñecemento dos estudos de xénero e a planificación sociolingüística da lingua galega como especialidades transversais que cómpre tamén potenciar e que, precisamente pola súa transversalidade, están moitas veces á marxe das ofertas existentes”, destaca Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura para quen é “fundamental promover a investigación en xénero, imprescindíbel para camiñar cara a igualdade”.

 

A dotación das bolsas é de 160.000 € (8.000 € cada unha) e poderán participar na convocatoria as persoas con titulación universitaria residentes na provincia da Coruña que pretendan realizar un traballo de investigación. As solicitudes presentaranse de xeito telemática a través da plataforma SUBTEL na páxina web da Deputación da Coruña na que tamén se atopan as bases completas da convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 horas do día 8 de abril de 2016.

Sociedade