Propostas no IES

O IES de Fene convocou a candidatos-as de Fene para expoñer no centro as súas propostas en termos de sostibilidade
21 de Maio, 2019 - 11:53 h. | Publicada por Radio Fene

Os candidatos e candidatas falaron de enerxías renovables, de cambio climático, de iluminación LED, de depuración da ría, de transporte público ou de Educación medioambiental.

IESELECCIONS2019

Os candidatos-as de Fene ás eleccións municipais participaron esta mañá no IES de Fene nun Pecha Kucha organizado polo alumnado de 3º da ESO de Inglés, que está a desenvolver un proxecto denominado “Por un Fene sostible”. Cada candidato e candidata dispuxo de 6 minutos para expoñer os seus proxectos sobre sostibilidade para Fene. Gozou de moderadoras que, tras as exposicións, abriron unha quenda de preguntas por parte do alumnado.

O numero dous da candidatura socialista, Antón Noceda, abriu os turnos previamente sorteados para falar do acordo acadado hai poucos meses no pleno municipal denominado “Alcaldes polo clima e a enerxía” co que se quere reducir nun 40% as emisións de CO2; un 20% no consumo de enerxía e aumentar un 20% as enerxías renovables. Apostou por adecuar os edificios públicos aos estándares de eficiencia enerxética e por evitar conductas e hábitos viciados con respecto ao medio.

A candidata de EU, Mª Carmen Martínez, incidiu na recuperación de espazos naturais e da ría; na instalación de paneis de enerxías alternativas en edificios públicos e privados e nas campañas de concienciación da cidadanía.

Xoan Luís Ferreiro, candidato do BNG, puxo a Educación – para novos e adultos- como o primeiro paso para coñecer e respectar o noso entorno. E insistiu nas tres erres. Reducir, reutilizar e reciclar como normas a ter en conta desde as institucións.

Xosé Manuel Rodríguez Bastida de Compromiso por Galicia afirmou que o seu programa electoral está baseado no desenvolvemento sustentable. Citou o acordo da ONU de 2015, o combate co cambio climático e, moi importante, unha planificación urbanística que non hipoteque a vida das xeneracións futuras. Engadiu a importancia de fomentar o transporte público ou o uso da bicicleta e camiñar.

Gumersindo Galego, candidato do PP á alcaldía de Fene foi o último en intervir. Insistiu nas medidas concretas do concello como a instación do alumeado LED nas avenidas Marqués de Figueroa, Naturais de Fene e San Valentín. Aclarou que Fene é  o primeiro concello da comarca en firmar o Pacto dos Alcaldes polo cambio climático, o que lle supón a Fene poñer á sua disposición unha oficina de asesoramento para mellorar en sostibilidade nos próximos 10 anos ou a instalación de contedores marróns para a compostaxe.

Varios alumnos e alumnas do IES de Fene, presentes no Pecha Kucha, lanzaron ao remate das exposicións as súas preguntas concretas aos candidatos e candidatas ás eleccións municipais do domingo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora