A prostitución no obxectivo de Diego Vergés

A prostitución no obxectivo de Diego Vergés

05 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle dende este xoves 7 de xullo a exposición do 9º Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. A mostra recolle as mellores instantáneas presentadas a este certame, convocado pola Deputación da Coruña, e no que se presentaron 101 fotógrafos.

O xurado integrado por prestixiosos profesionais do mundo do fotoxornalismo como Xurxo Lobato (comisario da exposición), Manuel López, César Quián, Pablo Juliá ou Tino Soriano; seleccionou como gañador ao fotógrafo Diego Vergés Requejo, por Ánxeles City, unha serie de doce instantáneas que xiran en torno ao mundo da prostitución.
Ademais da obra de Vergés, o xurado seleccionou outros cinco traballos fotográficos que completan a exposición itinerante que organiza a Deputación da Coruña, así como o correspondente catálogo.  Estes son: “A supervivencia do mar”, de Pedro Pablo González Rodríguez; “Malapascua Island”, de A. Benitez Barrios; “Loita africana”, de Javier Fernández Ferreras, “Alterra”, de Ton Arias, e “A cidade transitada”, de María Sainz Arandia.
A exposición poderá visitarse na Casa da Cultura de Fene do 7 ao 25 de xullo en horario de 10:00 a 14:15 h de luns a venres.

Cultura