Protagonista o libro

Agasallos de libros e contacontos para celebrar o Dia do Libro en Fene
22 de Abril, 2019 - 02:15 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene conmemora o Día do Libro agasallando obras aos usuarios da Biblioteca e cun contacontos infantil.Durante toda a xornada do martes 23 duplicaranse as obras en préstamo. A narradora Paula Regueiro ofrecerá o seu contacontos “1, 2, 3! A que non o ves?” este xoves 25 ás 18 horas, con entrada de balde ata completar aforo.

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá que o Concello de Fene conmemorará este ano o Día do Libro duplicando as obras que os usuarios e usuarias da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé poden levar en préstamo. Deste xeito, poden coller, 10 libros, 4 audiovisuais, 4 sonoros, 4 revistas e 2 arquivos de ordeador como máximo por persoa. Así mesmo, recibirán como agasallo un libro.

Ademais, este xoves, 25 de abril, a Biblioteca acollerá o contacontos “1, 2, 3! A que non o ves?”, a cargo de Paula Regueiro, de Trémola Teatro. Dará comezo ás 18horas, con entrada libre e de balde ata completar aforo, e a obra está especialmente pensada para un público infantil, de 3 a 8 anos. Aínda que a protagonista da historia non viu nunca ningún monstro, dende nena tenlles moito medo. Por iso decide que, cando sexa o suficientemente maior, converterase en exploradora e irá en busca dos monstros. A través de diferentes historias o público poderá recorrer os distintos países, ata deixar de terlles medo.

Por último, o venres 26 a Biblioteca (na imaxe) publicará o boletín coas novidades editoriais da primavera para as persoas adultas.

Cultura

Publica o teu comentario agora