Protestas dos consumidores pola falla de servizo de Abanca

Protestas dos consumidores pola falla de servizo de Abanca
27 de Febreiro, 2019 - 02:14 h. | Publicada por Radio Fene

A banca electrónica de Abanca continúa sen funcionar máis de 24 horas despois da caída do sistema informático da entidade bancaria. Durante a xornada de onte, os clientes e clientas de Abanca non puideron acceder aos servizos a distancia da entidade bancaria. O que desde Abanca catalogaron como “un fallo nas comunicacións” afectou aos caixeiros, á banca electrónica e á aplicación móbil. Tras varias horas sen noticias, un chío na conta de Twitter de Abanca informaba a usuarios e usuarias de que a entidade se comprometía a devolver as comisións xeradas ao utilizar caixeiros doutras entidades. A Unión de Consumidores de Galicia afirma que a escasa transparencia e a falla de información aumentaron a intranquilidade da clientela.

Os caixeiros de Abanca empezaron a funcionar esta mañá

Ao igual que as persoas afectadas por esta incidencia, a Unión de Consumidores afirma descoñecer as causas que xeraron a falla de servizo. Ata o momento, desde Abanca non comunicaron se as causas tiñan orixe interno ou externo, nin tampouco achegaron información actualizada e transparente sobre o que estaba a suceder.

 

Neste sentido, UCGAL quere manifestar o seu malestar pola mala xestión do servizo de atención ao cliente e pola escasa información que transmitiu a entidade a través das súas canles de comunicación. "Resulta evidente que non se fixo un esforzo decidido por tranquilizar e orientar ás persoas afectadas. Esta falta de rigor na atención plantexa a cuestión de se o servizo de atención de ABANCA está preparado para facer fronte a situacións que podemos catalogar de excepcionais nas que as persoas consumidoras demandan e precisan información, transparencia e tranquilidade" afirman os consumidores.

 

Ante a falta de información sobre as causas da incidencia a entidade indica que non pode aventurar cal é a responsabilidade real e obxectiva da entidade pola deficiencia do servizo pero, evidentemente, Abanca deberá atender aos prexuízos ocasionados por este fallo. De tódolos xeitos, se a causa é endóxena, para esta entidade o tempo de resolución resulta excesivo e parece evidenciar un deficiente dimensionamento dos servizos técnico e de atención ao cliente.

 

As problemáticas resultantes deste fallo son moi diversas, algúns dos prexuízos serán máis sinxelos de cuantificar que outros. A casuística podería ser tan dispar que abranga desde usuarios do transporte público que non poden recargar as súas tarxetas de viaxe, a persoas con descubertos nas contas ou con problemas derivados das devolucións de recibos (luz, auga, administracións públicas).

 

En todo caso, a Unión de Consumidores recomenda ás persoas afectadas gardar os resgardos, tíckets e información que avale o prexuízo ocasionado pola caída dos sistemas a distancia de Abanca ao fin de presentar a correspondente reclamación. No caso da banca electrónica e da aplicación móbil é importante rexistrar o problema capturando imaxes da pantalla.

 

Trátase da entidade bancaria con maior penetración en Galicia onde conta con centos de miles de clientes e, precisamente por isto, tanto pola súa importancia no día a día dos consumidores e usuarios galegos como pola duración desta incidencia, a resposta da entidade debería estar a altura das circunstancias, conclue o comunicado da Ucgal..

Institucional

Publica o teu comentario agora