As protestas galegas en Cuba

As protestas galegas en Cuba
31 de Outubro, 2019 - 10:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Proceden na súa maioría, dunha mesma comarca coruñesa. Cando inquiro sobre lugares de nacemento, escoito nomes xeográficos tan sonoros como Pontedeume, Ares, Mugardos, Caamouco, Redes, Limodre, Piñeiro, Malata, …” afirmaba Xosé Neira Vilas despois de visitar o barrio de Peixiño, en Casa Blanca en Regla, na badía da Habana. A ese lugar foi a excursión organizada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco para reencontrarse coas súas orixes en Cuba.

ESCOITA O PODCAST:

Sabela Fraguío, Flavio Fernández, Xosé Luis Paz e Victor José Fernández opinan do bó e do malo de Cuba
http://173.255.131.18/audio/311019FRAGUIO.mp3

Fotografía: Andrés Rifón. A Habana. Outubro 2019

A altura de 1896 eran xa máis de cen mil os galegos que residían na Habana, e entre eles estaban os mariñeiros de Casa Blanca que pescaban no golfo de México. Utilizaron barcos-viveiro. O peixe recollíase nuns tanques que ocupaban boa parte da embarcación. Mantíñase vivo grazas aos furados que pasaban dunha á outra banda. Máis tarde, estes barcos alternarían cos neveiros, como en alterne andaron tamén motores e velames.
Os viveiristas galegos non perderon o seu espírito reivindicativo. Así en 1943 (Diario de la Marina. 19 de outubro) a prensa cubana recollía as súas protestas polo estado de suciedade da badía que lles impedía “traer o peixe vivo”. Mentres facían as dilixencias para a venda da pesca, tiñan que agardar 24, 48 ou 72 horas, co que morrían os peixes, perdendo os seus esforzos e sumas importantes de cartos. Reclamaban ao primeiro goberno encabezado por Fulgencio Batista, axilidade nas inspeccións.

A expedición de Caamouco en outubro de 2019 visitou tamén o Castelo de San Carlos, o lugar onde estableceu a súa vivenda e o seu despacho Ernesto Che Guevara despois do triunfo da Revolución en 1959. O Che foi ministro de Industria de Cuba entre 1961 e 1965. Coincidiu con el nese departamento o veciño de Limodre -ex traballador de Astano- Sindo Seixido quen lembraba as partidas de xadrez que botaba co dirixente da revolución. En 1963 Sindo foi nomeado director de mantemento do Ministerio de Industria. Seixido fundou a revista “Mantenimiento” elaborando a primeira metodoloxía de mantemento preventivo planificado que houbo en Cuba. En Regla e no castelo de San Carlos na Habana, queda tamén un pedazo de Galicia.

 
NEIRA VILAS, XOSE. Galegos no golfo de México. Ed. do Castro. Sada 1980
SEIXIDO, SINDO. Huellas de amor en  la memoria. Ed. Martinez. Cádiz. 2009
LLORCA FREIRE. Centenario das escolas de instrución dos "Naturais de Fene". Deputación. A Coruña. 2018.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora