As protestas reciben á conselleira de Sanidade en Ferrol

As protestas reciben á conselleira de Sanidade en Ferrol

27 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As protestas contra a privatización da sanidade pública protagonizaron a visita da conselleira de Sanidade este mediodia a Ferrol. A Policia Nacional desaloxou aos sindicalistas o que ocasionou as protestas do persoal sanitario do complexo hospitalario Arquitecto Marcide.

Representantes da CIG-Saúde de Ferrol foron desaloxadas  este mediodía do Hospital Arquitecto Marcide, tras protestaren contra as políticas privatizadoras do PP coincidindo coa visita da conselleira de Sanidade. Dous membros da central sindical foron trasladados a comisaría para proceder á súa identificación.
 
A Xunta de Persoal do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol recibiu onte a convocatoria dunha xuntanza, ás 13:00 horas de hoxe, coa conselleira de Sanidade. A CIG e CCOO decidiron non asistir á reunión, considerando que a proposta chega tarde, porque tras moito demandar cambios nas políticas privatizadoras do PP e que se poña freo aos recortes orzamentarios, de persoal e de dereitos a consellaría non fixo mudanza algunha.

Por iso prepararon uns panfletos e concentráronse diante do Salón de Actos do centro hospitalario, xunto con outras traballadoras e traballadores, para repatilos, impedindo o acceso da conselleira.

Ante a protesta, a conselleira foi trasladada ao despacho do Xerente, a onde se dirixiron tamén os representantes sindicais. A eles se dirixiu o Xerente, indicando que tiñan que aproveitar a presenza da conselleira para falar con ela e asegurando que non entendía como impedían a celebración da xuntanza.

Ás 14:00 horas, estaba prevista outra reunión, de novo no Salón de Actos, con mandos intermedios do hospital e as/os representantes da CIG e CCOO regresaron á entrada do mesmo para repatir tamén entre este persoal os panfletos informativos.

Unha vez alí a policía autonómica indicoulles que se continuaban coa protesta procederíase ao seu desaloxo. As/os representantes de CCOO optaron por retirarse e as/os representantes da CIG-Saúde continuaron co acto de protesta e repartindo panfletos.

De contado uns 15 policías autonómicos procederon ao seu desaloxo, pero continuaron manifestando a súa oposición ás políticas sanitarias do Partido Popular no exterior do centro hospitalario.

Tras do desaloxo, persoal sanitario do Arquitecto Marcide tras ver como desaloxaban ás súas/seus compañeiras/os, baixou á entrada principal do hospital para manifestar a súa solidariedade, berrando desde o interior do centro “Non á represión”.

Entre mentres chegaron 15 efectivos máis, desta volta da Policía española, e procederon a solicitar a identificación de todas as persoas presentes na concentración da CIG-Saúde. Porén, dous compañeiros da CIG de Ferrol que non se identificaron foron trasladados á comisaría.

Sociedade