Prudencia, paciencia e ánimo

Prudencia, paciencia e ánimo
23 de Abril, 2020 - 12:38 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, anuncia que o luns saen de Correos 6000 máscaras que chegarán aos domicilios para os rapaces que van sair á rúa e para as persoas maiores de 60. Readaptou Fene as quendas da policía local para atender de perto as saídas dos nenos e nenas entre 3 e 14 anos.

ESCOITA O PODCAST:

Os concellos van ter un papel crucial na “des escalada” adaptándose a como se vaia desenvolvendo o retorno das diferentes actividades. Por iso en Fene traballan planificando a seguridade e a protección da veciñanza pensando nos días despois. Sen ir máis lonxe, o alcalde de Fene explicounos que están readaptando as quendas da policía local pensando na saída da rapazada a partir deste domingo. Segundo os cálculos que fai o concello, a nova medida afecta en Fene a uns 1400 rapaces, de tres a 14 anos, inclusive. Con ese motivo, estivo facéndose un reparto de máscaras nas panaderías e o próximo luns sairán por correo 6.000 máscaras aos domicilios, destinadas aos rapaces desas idades e á persoas maiores de 60 anos. Son máscaras lavables que teñen unha vida de ata cen usos. Juventino Trigo aclarou que neste momento todas as farmacias xa teñen á venda máscaras, saíndo ao paso da necesidade que poidan ter delas outros grupos de risco. Aproveitou Trigo para sinalar que o envío da Xunta de Galicia está fallando porque a última remesa do pasado luns foi de 100 máscaras que non chegan nen para un día de traballo do S.A.F (Servizo de axuda no Fogar) con 40 traballadoras que fan entre cinco e seis servizos diarios.

Trigo amosouse especialmente preocupado polo comercio e a hostalería de Fene, pero tamén polos autónomos e pequenas empresas. “Temos moita preocupación” sinalou o alcalde que está buscando desde Fene e desde a Mancomunidade medidas que axuden, pero dinos que é complicado. O concello aprazou aos autónomos o pago das taxas municipais como lixo, auga ou rodamento, ata o 30 de setembro. "Para un concello pequeno, apunta Juventino Trigo, é difícil prantexar algún tipo de subvención porque, como fiscalizas iso?". Por iso van redobrar os esforzos na promoción das empresas locais, en canto estas reanuden a súa actividade. Falamos co alcalde, en contacto continuo coa autoridade desta área sanitaria, dos afectados polo virus nesta zona. Trigo recoñece que temos menos afectados que noutras partes de Galicia (339 recuperándose no seu domicilio e 28 ingresados no hospital) pero insiste en que non podemos baixar a garda porque quizás estes días asistimos a unha lixeira relaxación das normas. Por iso remata pedindo prudencia, paciencia e ánimo.

Institucional

Publica o teu comentario agora