PSOE e BNG de Fene non poden pactar, afirma o PP

PSOE e BNG de Fene non poden pactar, afirma o PP

26 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O PSOE e o BNG de Fene non poden pactar, afirma o Partido Popular nun comunicado. Os populares indican que socialistas e nacionalistas prometeron aos seus votantes na campaña que non reeditarían o pacto entre eles.

Segundo Gumersindo Galego, o candidato do BNG Juventino Trigo, nos debates electorais chegou a afirmar que sería alcalde ou iría á oposición. Os populares indican que “Ivan Puentes prometeu que só gobernaría se tiña máis votos que calquera outra formación”. O PP empraza ao PSOE e BNG a “ser coherentes coas súas palabras e feitos nestes 4 anos e cumpran co prometido nesta campaña nos seus programas e actos electorais”.

Nas eleccións municipais do pasado domingo, o PP obtivo en Fene 6 concelleiros, por 5 do PSOE, 5 do BNG e 1 de Esquerda Unida. Segundo indica a lexislación, a Corporación elexirá ao alcalde na sesión constitutiva. Se na votación, non hai ningún candidato que reuna a maioría absoluta (que no caso de Fene son 9 concelleiros) quedará proclamado alcalde, o cabeza de lista da candidatura que obtivo máis votos populares.

O Bloque Nacionalista Galego anunciou que convoca unha asamblea de militantes da localidade para o venres na Casa da Cultura co obxectivo de avaliar os resultados electorais e analisar a posibilidade de pactos. 

 

Sociedade