PSOE e BNG peden aclaracións sobre a compra da sede galega do PP

PSOE e BNG peden aclaracións sobre a compra da sede galega do PP

13 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Un sobreprezo dun millón de euros nunha obra encargada polo Servizo Galego de Saúde agocharía a partida económica pola que o Partido Popular de Galicia  tería sufragado o seu novo local social en Santiago. O excedente que a empresa promotora do inmoble, unha alianza de Gestinfor Inversores e Kotlas, tería recibido da Xunta polas dependencias da Fundación Escola de Educación Sanitaria de Galicia (FEGAS) coincide co custo da nova sede da forza po

A revelación causou non pouco balbordo no pleno do Parlamento de Galicia celebrado nesta xornada e no que os partidos da oposición aproveitaron para anunciar que requerirán cumprida información da manobra inmobiliaria do PP. A voceira do PsdeG, Mar Barcón, solicitou unha copia completa do expediente no que figura a adxudicación das obras contratadas polo Sergas para a Escola de Educación Sanitaria.

A sospeita de que a Xunta de Fraga puido camuflar unha partida millonaria para os intereses particulares do Partido Popular, motivou preguntas por parte do BNG. O seu voceiro na Cámara, Carlos Aymerich, coida que a operación pode gardar relación coa trama corrupta de financiamento ilícito Gürtel e demandou documentos que aclaren o que aconteceu.

Por parte do partido afectado, o seu secretario xeral e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, cualificou a compra da sede do PPdeG como “transparente”. A formación política pódeo demostrar coas escrituras, explicou, e confiou en que o Sergas tamén despexe as dúbidas sobre as cifras da adxudicación.

As peticións de Rueda foron ordes e esta mesma tarde dende a Xunta emitíase un comunicado. No mesmo establécese que os documentos que obran en poder da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) da Xunta de Galicia confirman a transparencia do proceso de adquisición da súa sede. Mais no texto concédese que, con data do 31 de marzo de 2003, foi precisa a redacción dunha escritoura notarial de subsanación do acordo de adquisición do inmoble e alugamento de aulas con opción de compra, taxado en 2.994.000 euros. A corrección recoñece un erro na certificación do acordo e na redacción do contrato de arrendamento, que neste último caso, segundo a Xunta, só suporía un engadido de 80.000 euros ao prezo inicial. A opción de compra, fixouse en 820.000 euros.

Sociedade