Pucho Boedo cantou como Deus

Pucho Boedo cantou como Deus
01 de Xuño, 2020 - 12:42 h. | Publicada por Radio Fene

O tenor ferrolán Paco Montero gosta de cantar en galego para demostrar que o noso idioma axústase a calquera estilo musical, tamén á ópera. 

ESCOITA O PODCAST:

O nome do tenor ferrolán Paco Montero está intimamente ligado aos Tamara desde o ano 1974 cando o chamaron para formar parte do grupo, xunto a Pucho Boedo. Cantou con el e compuxo para el ata que Pucho enfermou. “Cando morreu Pucho, dediqueille un tema que fala da Coruña como se fose a súa noiva. Ao remate da canción digo que cantou como ninguén, que cantou como Deus” recorda Paco Montero. “Nunca fun sucesor seu, como se ten dito nalgún xornal, porque Pucho Boedo foi o máis grande e inigualable” engade. Nunha das veces que viñan de actuar en Londres, Pucho enfermou e é Paco Montero quen actúa por primeira vez sen el na sala de Campo Lameiro. Lembra tamén o cantante ferrolán como, estando Pucho en Palma enfermo, fixéronlle dúas homenaxes na Coruña onde a recadación foi para el.

Na sala Perla

Pero realmente lembra Montero que a primeira homenaxe a Pucho Boedo fíxoselle na sala Perla de Perlío, nun festival que compartiron Os Tamara, Os Trovadores e Os Satélites. Unha sala, a de Perlío, á que Paco Montero estivo moi ligado formando parte do grupo de continuidade da sala “Musical 6” durante catro anos. Codeáronse coas grandes figuras da canción, como Basilio, Juan Pardo, Julio Iglesias e un longo etcétera. Paco Montero foi evoluíndo cara ao galego e nos últimos tempos editou temas en galego “para demostrar que o noso idioma vale tamén para cantar ópera” afirma o tenor ferrolán quen xusto antes da alarma sanitaria presentou no teatro Xofre o disco “Paco Montero canta a Lumieira de Carvalho Calero” para festexar as Letras Galegas, adicadas este ano ao profesor ferrolán. Foi o seu grao de area.

Cultura

Publica o teu comentario agora