Puente Pedriña

Puente Pedriña

12 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O BNG esixe a substitución do letreiro coa toponimia deturpada no antigo curtidoiro da Pontepedriña. A recente restauración da placa identificadora do lugar, que inclúe o selo do Consorcio, incumpre a legalidade nesta materia. O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha iniciativa para substituír o letreiro do antigo curtidoiro de Pontepedriña.

O concelleiro Rafael Vilar defenderá no vindeiro Pleno este rogo co afán de que o Concello de Santiago e os organismos dos que fai parte, como o Consorcio da Cidade, fagan unha promoción do galego baseada na valorización da lingua propia como referente da identidade, tal como recolle o Plan municipal de normalización lingüística.

Insta, ademais, ao Goberno local a cumprir a legalidade vixente en materia de toponimia, que mesmo está contemplada nos artigos 12 e 13 do Regulamento do uso do galego na administración municipal, en relación aos topónimos, sinalización e rótulos que terán como única forma oficial a galega.

Así, tendo en conta a recente restauración da placa identificadora do nome do lugar na rehabilitación do antigo curtidoiro de Pontepedriña de Arriba, e dada a participación do Concello no proceso, solicita que o Goberno municipal proceda á realización das accións necesarias para substituílo por outro que cumpra a legalidade vixente en materia de toponimia.

Sociedade