A punto de fallarse os Premios Curuxa

A punto de fallarse os Premios Curuxa
20 de Xullo, 2020 - 12:22 h. | Publicada por Radio Fene

O xurado dos Premios Curuxa do Humor do concello de Fene reúnese o mércores 22 de xullo ás 12.00h para dirimir os premios Curuxa nesta edición de 2020.

O humorista gráfico Luís Davila, “O bichero”, xunto coa gañadora do 20 premio Curuxa 2019, Sandra Lodi, e o do 1º premio Curuxa Nova 2019, Javier Jareño López Cuervo, son os debuxantes convidados que formarán parte este ano do xurado dos Premios Curuxa 2020, presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e completado co concelleiro de Cultura, Justo Ardá e a coordinadora do Museo do Humor, Almudena Marcos. Reúnense este mércores ás 12.00 horas no Museo do Humor, para fallar o premio e dar a coñecer o nome dos/as gañadores/as do certame este ano.

O Xurado.

Luís Davila. Deseñador gráfico pola escola de Artes e Oficios Pablo Picasso de A Coruña, Davila é responsable dun bo número de sorrisos diarios a través das súas tiras de humor de O BICHERO e O FOTOMATÓN no xornal Faro de Vigo. Ten autoeditado varios volumes nos que se compilan os seus mellores debuxos cómicos.Entre os premios e recoñecementos que ten acadado salientan: Premio San Martiño de normalización lingüística (2014), convocado pola Asociación Cultural O Brado da Estrada. Premio Xoán Manuel Pintos ao compromiso coa lingua na 6ª ed. (2016), convocado polo Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingua (REAL). Varias edicións do Premio Fervenzas Literarias.

Sandra Lodi. Lugo, 1990. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca. Durante a súa formación tivo ocasión de coñecer o método de produción creativa da Academia de Brera, en Milán (Italia). O seu interese polo cine, a animación e o mundo dixital fixeron que realizara estudos de postgrao en 3D, adentrándose tamén no mundo do deseño gráfico, a composición con vídeo e a animación 2D. No ano 2016 foi incluída na revista Afán Afán de artistas emerxentes. Na actualidade traballa como deseñadora gráfica en Santiago de Compostela e, no seu tempo libre, continúa a traballar no eido da ilustración e a banda deseñada. Tamén é pintora ao óleo, cando o tempo llo permite.Entre os premios e recoñecementos que ten acadado, salienta o 2º premio Curuxa no XXIII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor” do Museo do Humor de Fene.

Javier Jareño López Cuervo. Debuxante murciano, natural da localidade de Yecla. Técnico Superior de Audiovisuais e Espectáculos e graduado en Comunicación Audiovisual. Javier defínese como amante do cine e do debuxo. No campo da séptima arte, dirixiu e guionizou algunha curtametraxe. Sobre a súa outra afición, asegura que debuxa dende sempre. No ano 2019 resultou gañador do 1o premio Curuxa Nova no XXIII concurso de humor gráfico “Curuxa do humor”.

Cultura

Publica o teu comentario agora