Qué grande é o estaleiro por dentro

Os alumnos que participaron na realización da curtametraxe falaron onte da experiencia en Barallobre
16 de Xaneiro, 2019 - 09:40 h. | Publicada por Radio Fene

Todo o IES de Fene volcouse cos compañeiros de FP básica, protagonistas onte no acto de presentación da curtametraxe "Manterse a flote" que realizaron dentro do programa "Cine en curso". O local da Liga de Barallobre quedou pequeno para semellante público.

Moi numerosa foi a asistencia á presentación en Barallobre da curtametraxe “ Manterse a flote”. Tanto, que todo o IES de Fene arroupou aos seus compañeiros de FP básica, coautores da curta elaborada o curso pasado sobre Navantia. A Liga de Amigos de Barallobre congregou a alumnado e profesorado arredor desta peza cinematográfica da que falaron dous dos seus autores xunto co director de cine, Xacio Baño. Confesaron que para eles foi un luxo compartir esta experiencia co cineasta e amosaronse impresionados coa grandiosidade do estaleiro cando un entra no seu interior. A fotografía, os ruídos e grúa pórtico son protagonistas indiscutibles da peza que seguro terá o seu percorrido.

"O guindastre pórtico é a torre Eiffel de Fene", afirmou o director de cine Xacio Baño. “Manterse a flote” é unha cinta moi emotiva porque cada ruído do estaleiro ten unha historia detrás. “Unha das cousas máis marabillosas é chegar a sitios nunca pensados. Capturar momentos. Iso é facer cinema” indicou tamén Xacio Baño na Liga de Amigos de Barallobre.

Tamén participaron no acto o director Guillermo Escrigas, quen lembrou pasaxes da súa infancia en Barallobre, e a profesora Eva Gondell, a directora do IES María Nogareda, a coordenadora do programa, Mónica García “Cine en curso” do CGAI e o director de Navantia Fene Raúl García. Este curso repetirán a experiencia un novo grupo de alumnos, cun tema aínda por elexir.

Cultura

Publica o teu comentario agora