Que dixo Carvalho naquela asemblea

Que dixo Carvalho naquela asemblea
15 de Xaneiro, 2021 - 07:52 h. | Publicada por Radio Fene

Ricardo Carvalho Calero falou na asemblea fundacional do PG en Pontevedra. A única imaxe existente amósao intervindo naquela cita histórica.

ESCOITA O PODCAST:

Ricardo Carvalho Calero interveu na asemblea fundacional do Partido Galeguista, celebrada os días 5 e 6 de decembro de 1931 en Pontevedra. Na única foto que se conserva aparece Ricardo Carvalho Calero no uso da palabra. A imaxe encóntrase entre as imaxes expostas na Praza de Armas de Ferrol con motivo da homenaxe da cidade ao seu escritor. Afirma o seu biógrafo, Martinho Montero, que a foto é casual, capta a súa intervención por azar e destaca que Carvalho tiña un grande prestixio entre os seus colegas e unha actividade partidaria constante, a pesar de que el dicía que non lle prestara o tempo necesario porque andaba preparando as oposición ao ensino. “El quítalle importancia pero, se observamos a prensa da época e vemos os mitins que deu por Galiza adiante, vemos un compromiso constante” afirma Montero quen engade que “el enorgullecíase de que o P.G fora o seu único partido”.

1965. A Universidade

Despois de tantas incertezas e reveses, 1965 foi un ano moi feliz para Ricardo Carvalho porque accede á Universidade de Santiago de Compostela. “Tíñalle moito cariño á Universidade” Primeiro entrou como profesor contratado, provisional, pero para el foi un paso moi importante. “Gustaba do ambiente universitario” sentencia Montero.

1980. Ribadavia

Unha data curiosa porque Carvalho Calero dá un pregón na Festa do Viño de Ribadavia. Un pregón que se converte en todo un tratado cultural de recomendable lectura. Segundo Martinho Montero, nel une dúas realidades a priori diversas, o viño e o idioma galego. Pon en común a súa autenticidade. “Di que teñen que ser auténticos para ser apreciados e valorados”. E fala de exportar para fora a nosa lingua e o noso viño para que sexan coñecidos e apreciados.

 

(Na imaxe, fotografía exposta na actualidade na Praza de Armas de Ferrol)

Cultura

Publica o teu comentario agora