As que nunca tiveron cabida nos libros

As que nunca tivero cabida nos libros
09 de Outubro, 2020 - 12:07 h. | Publicada por Radio Fene

Esperanza Piñeiro está a traballar por todas aquelas que, no seu momento, tiveron que levantar unha cidade. As mulleres dos séculos XIX e XX teñen, agora, outra muller que as respalda, as defende, pero sobre todo que as valora como poucos antes fixeron.

 

ESCOITA O PODCAST:
Esperanza Piñeiro no estudo de Radio Fene

Chegou o momento no que as mulleres de Ferrol van ter a voz que sempre mereceron. A docente e historiadora, Esperanza Piñeiro,  busca reflectir o traballo das donas na historia do concello na súa última obra. Un traballo sen o que Ferrol non sería posible.

A historiadora remexeu nos arquivos locais, nos rexistros pero tamén en fontes orais ou apuntes que foi facendo dende o comezo da súa carreira, hai xa 30 anos. Lembra que a maioría das anotacións “falan do papel secundario das mulleres”.

Ademais de salientar os traballos das mestras, as xornaleiras ou a recolledoras de carbón, fala de pensadoras, malia que a ela non lle gusta que Concepción Arenal non sexa recoñecida como filósofa. A docente comenta que “sempre hai alguén que destaca” cando se fai un traballo de este tipo, e neste caso ten claro quen é e o porqué. Fala do papel da ferrolá como xornalista, escritora e xurista pero recalca a importancia do título de filósofa.

Xa hai investigacións adicadas ás mulleres pero sempre son poucas, unha montaña leva moitos grans de area. Esperanza Piñeiro aporta o seu para que todas as que un día non tiveron voz poidan facer cima e berrar dende o alto que elas tamén construíron Ferrol.

 

 

Cultura

Publica o teu comentario agora