Que reine o humus na noite de San Xoán

Que reine o humus na noite de San Xoán
23 de Xuño, 2020 - 12:22 h. | Publicada por Radio Fene

"As masificacións son terribles. E todo por culpa do interés económico" reflexiona o etnógrafo Filipe Senén diante da noite de San Xoán na que este ano se prohibiron as fogueiras nos areais.

ESCOITA O PODCAST:

Debe ser a persoa que máis sabe das tradicións galegas e en particular da noite de San Xoán. Filipe Senén descúbrenos os segredos desta festa de entrada no verán que compartimos con outras seis nacións celtas das que falaban Manuel Murguía e o ferrolán Benito Vicetto. “Bretaña, Gales, Escocia, Irlanda, Gallaecia, Armórica e a Illa de Man, son as sete nacións celtas fillas de Breogán”. Hai catro noites no ano, vinculadas aos solsticios e equinoccios, que marcan a vida e os seus catro elementos: auga, lume, aire e terra. As catro noites son as relacionadas co San Xoán, Defuntos, Nadal e Entroido. Afirma Senén que a palabra “tradición” significa “o que transita ou o que transcorre” por iso “ leva consigo cousas pasadas pero tamén contaminacións que lle fan perder o seu senso orixinario”. E aí topamos co etnógrafo inimigo acérrimo do “botellón nas praias” a aberración na que se converteu nos últimos anos a noite de San Xoán. “Por toda a costa europea estase estendendo esa moda de degradar os areais pero en Irlanda, Bretaña ou Francia respétanse máis” afirma Senén.

Reclama para as reunións arredor do lume, os campos da festa, as campas de cidades e vilas para as grandes fogueiras onde queimar leña e mobles vellos; así como a fogueira pequeniña, prendida en cada casa, ao pé da porta.

E fronte ao lume, está a auga. Fala Filipe Senén das herbas medicinais que se meten na auga na noite meiga para deixalas ao sereno. Sobre todas estas, o bieiteiro ou sabugueiro, a planta dos celtas por excelencia, boa para o aparato respiratorio, os riles ou contra a retención de líquidos; a malva, fiúncho, ourego, a “artemisa, entre o peito e a camisa”. Senén é partidario de sumar sardiñas ou churrasco á festa porque di que lle dan vida ás nosas tradicións. Convídanos este ano tan especial a reflexionar sobre o “humus” porque o humano merece un respecto. “Que reine o humus na noite de San Xoán”.
(Na imaxe, o sabugueiro, a planta por excelencia do tempo do San Xoán)

Cultura

Publica o teu comentario agora