A queima da crise económica despide o Entroido de Redondela

A queima da crise económica despide o Entroido de Redondela

25 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Milleiros de veciños ateigaron novamente o martes de Carnaval as rúas da vila para despedir os actos do entroido. Dende o mediodía eran moitos os que sumándose ás tradicionais comidas xa desfilaban disfrazados polo centro da vila. Unha multitude que se viu incrementada notablemente a partir das sete da tarde. Os veciños ían collendo posicións para non perderse a queima do meco, un boneco que este ano representaba a crise económica mundial.

 O grupo Troula foi o encargado un ano máis do espectáculo de lume. Zancudos e arlequíns logo de ler o veredito procedían a prenderlle lume a crise entre berros de ¡Arde meco! A continuación chegaba o espectáculo final coa tirada dos fogos de artificio.

Durante toda a xornada o entroido máis popular estivo presente nas rúas. Centos de veciños disfrazados entre os que o xurado elexiu aos merecedores dos premios deste ano. Na categoría de grupos o primeiro premio conseguíronno as “Doncelas con bebés” mentres que o segundo foi para “Os granxeiros”. Na categoría de parellas o gañador foi “Parella de baile con casette” e o segundo premio para as “Formigas de cor violeta”. Por último en individuais, o premio logrouno o “Cavernícola semiespido” seguido por un “Cariño de mimosas”

Enterro do berete

A queima do meco daba por concluido o entroido deste ano no centro da vila. A Concellería de cultura decidira o ano pasado, a pesar das críticas procedentes dalgunhas asociacións deixar de celebrar o enterro da sardiña. Unha comitiva que ano tras ano fora perdendo adeptos e que o concello decidiu suspender ante a escasa participación.

A tradición si se ha de cumprir en Chapela. Alí o sábado pola tarde celebrarase o enterro do berete. Unha comitiva fúnebre que partirá ás 19:00 horas dende o Alto da Encarnación e concluirá na praia de Arealonga.

 

Sociedade