Queixas pola atención no centro de saúde

Martínez entrevistarase co xerente do centro do Tarrío
18 de Setembro, 2020 - 10:59 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Fene facilitará mascarillas aos escolares cuxas familias non poden asumir o gasto mensual que supón.

ESCOITA O PODCAST:

"A xestión da Xunta de Galicia no inicio do curso escolar foi nefasta". Declara a concelleira de EU na corporación fenesa, Mª Carmen Martínez, que todas as súas obrigas descárganse nos concellos. Pon como exemplo a adquisición de mascarillas para o alumnado de familias que teñen problemas económicos. Nunha semana, o concello facilitará as máscaras a estes nenos e nenas porque o gasto supón uns 40 € por fillo e mes, que non poden asumir.

Como responsable da área social, Martínez advirte das dificultades dos servizos sociais municipais para volver á normalidade despois do confinamento. Unha normalidade complexa porque teñen que lidar entre o traballo que xa tiñan antes coas novas liñas abertas a causa da Covid19. O INSS pretendía que sexa o concello quen se ocupe do Ingreso mínimo vital, tamén xestionan a tarxeta moedeiro ou o bono social da electricidade. "Son cousas que nos veñen de rebote e nós non temos capacidade para asumilas" afirma Martínez. E logo está o servizo de axuda no fogar, tan importante neste momento. As altas que se produciron a causa da pandemia ampliáronse ata o 31 de outubro pero desde esa data terán que volver á súa situación anterior para poder activar o concello as listas de agarda que tiñan antes da crise.

En Fene rexístranse, como noutros lugares, moitas queixas polo cambio de funcionamento do centro de saúde e que, aclara Martínez, non teñen que ver co persoal dos centros. Algo tan sinxelo como era antes a activación da medicación cunha simple chamada telefónica, convértese agora nun proceso complicado. Recibíronse queixas de usuarios e usuarias que agora deben pedir cita por teléfono e agardar que o médico te chame, un proceso que dura mais tempo. A concelleira fenesa pretende falar co xerente do centro do Tarrío para ver de facilitar o proceso aos usuarios. No pleno de setembro reclamouse a apertura do centro de saúde de Maniños que leva meses pechado en espera dunha reforma que nunca chega.

Como voceira de EU, Mª Carmen Martínez presentou no pleno deste mes unha moción sobre a fuxida do rei emérito. “Ogallá que este feito supuxera o fin da monarquía, pero non creo” declara. “Nin creo que sexa xulgado, nin que devolva o que supostamente roubou”  á vez que garda a esperanza de que pouco a pouco a xente se convenza do cara e anacrónica que resulta a Casa Real.

(Entrada do centro de saúde de Maniños)

Institucional

Publica o teu comentario agora