A quen non lle sobre pan que non crie un can

A quen non lle sobre pan que non crie un can
14 de Xaneiro, 2021 - 05:20 h. | Publicada por Radio Fene

Botamos man do refraneiro popular: "A quen non lle sobre pan que non crie un can" . Falamos con Marta Pereiro, concelleira responsable de Medioambiente de Fene, sobre a campaña de "Adopción responsable" que leva a cabo para que a poboación sexa consciente e responsable á hora de facerse cunha mascota.

ESCOITA O PODCAST:

(Na imaxe, Mika, unha beagle abandonada, refuxiada e felizmente adoptada por unha parella de Ferrol)

Mercar un can por impulso é o erro mais grave que podemos cometer. Chega o Nadal e vemos nun escaparate un cadeliño precioso e dicimos “Aquí está o agasallo perfecto”. Con toda probabilidade esa mascota acabará abandonada, no refuxio ou engaiolada. España ten un índice moi elevado de abandonos. Para por fin a estas prácticas irracionais, a concellería de Medioambiente de Fene puxo en marcha antes do Nadal unha campaña de "adopción responsable" de mascotas que continúa vixente porque, como di a edil responsable desta área, Marta Pereiro, “é necesario concienciar á cidadanía da problemática que conleva a compra de mascotas se descoñecemos as responsabilidades que comporta e o que implica na nosa vida”.

Segundo nos explica, a compra ou adopción dunha mascota "supón introducir un membro mais na familia". Antes de adquirir un can hai que considerar que este vai medrar, que hai que asealo, que comporta gastos de alimentación, vacinas, veterinario, que hai que sacalo á rúa frecuentemente. Engade Pereiro que precisa atención e un lugar adecuado onde vivir. “A información previa é indispensable antes de tomar unha decisión deste calibre”. 

Outro apartado da campaña municipal céntrase na adopción como primeira alternativa. Os refuxios e as protectoras da zona están desbordados. Tanto nestes centros como cos criadores asínase un contrato legal de adopción e estase pendente durante un tempo da adaptación do animal sobre o que teremos información previa, do seu carácter, da súa orixe, etc. A venda dunha mascota en tendas supón un risco importante porque hai moito tráfico ilegal e as condición dos animais non soen ser moi boas. A isto hai que engadir un interese de lucro que non favorece a situación. 

Sobre a problemática que rodea aos PPP ( perros potencialmente perigosos) ou os baleiros legais neste tipo de transaccións, fálanos tamén a concelleira Marta Pereiro.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora