Quen vota a quen nos EEUU

A polarización nas eleccións dos EEUU quedou patente nestas eleccións
10 de Novembro, 2020 - 11:16 h. | Publicada por Radio Fene

O próximo 20 de xaneiro Joe Biden xurará o cargo como presidente dos EEUU. Falamos co mugardés Noel Blanco, profesor da Universidade de Chicago, sobre o contexto das últimas eleccións norteamericanas.

ESCOITA O PODCAST:
Noel Blanco. Profesor da Universidade de Chicago

O primeiro que se lle ven á cabeza ao noso eventual correspondente é explicarnos que o sistema electoral americano é tremendamente disfuncional, empezando porque para un estranxeiro resulta raro que as eleccións non sexan en domingo senón un martes, dia de traballo normal cando moita xente non pode permitirse acudir a votar.

A polarización é sen dúbida o marco e resultado desta consulta. “As dúas costas alíanse normalmente co partido demócrata, toda a costa oeste e os grandes centros urbanos están con Joe Biden, mentres que as zonas rurais empobrecidas téñense convertido en feudo da dereita.”O demócrata gañou, en parte, porque en EEUU hai zonas xeográficas que foron basculando entre demócratas e republicanos e, nesta ocasión, Biden foi quen de gañar o seu voto. Refírese a zonas do medio-oeste americano que no pasado foron centros industriais, como Michigan ou Wisconsin. A enorme polarización que deixan estas eleccións ten que ver coa desigualdade social, coa polarización xeracional ( electorado novo á esquerda e electorado vello moi reaccionario) e tamén cunha división urbano/ rural moi forte.

Por que 70 millóns de persoas votaron a Trump?

Blanco responde á pregunta enumerando os tres factores que incidiron nesa escolla: Co tempo o partido demócrata foise convertendo nunha formación identificada coas elites urbanas e profesionais – ver tempo de Bill Clinton-. “Hai xente que cre que os deixaron atrás e sinte que Trump mirou por eles”. Outro factor é o odio racial, incitado por Trump, que utiliza a retórica racista para acender ás súas bases. O terceiro factor é o económico. “A meirande parte da xente traballadora vive dun xeito moi empobrecido” e amósanos unha estatística recente, elaborada hai un ano, que da como resultado o seguinte: un norteamericano medio non da aforrado nin 400 dólares nun ano,  para calquera emerxencia. Cos subsidios que sacou Trump durante a pandemia, moita xente gañou mais cartos que traballando.

Cal será a actitude dos republicanos no mandato de Biden?

A pesar das dúas faccións nas que está dividido o partido republicano, populistas e neoliberais, o profesor mugardés ten clarísimo que se van unir para torpedear a presidencia do demócrata. “O seu obxectivo será boicotear todo intento de Biden polo investimento público”, conclúe.

Sociedade

Publica o teu comentario agora