Queridas donas

A mostra de Isabel Seco Espada permanecerá en Fene todo o mes de setembro
02 de Setembro, 2020 - 12:57 h. | Publicada por Radio Fene

A sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle durante o mes de setembro o proxecto pictórico "Queridas Donas", da artista local Isabel Seco Espada. A colección, composta por pezas realistas e abstractas, reivindica a muller a través da figuración do sentimento e das situacións. Afouteza, valentía, resiliencia, paixón, ilusión, namoramento e liberdade, entre outras facetas, que se xuntan compoñendo unha mensaxe de plenitude feminina e feminista.

Isabel Seco Espada naceu en Laraxe, no concello de Cabanas, aínda que leva afincada en Fene case trinta anos. Desde moi pequena sentiu que precisaba pintar para expresarse e, porén, segundo ela mesma asegura, "non me adiquei profesionalmente a esta arte”. Os seus comezos foron co profesor de artes plásticas e escritor Andrés Fernández Rifón. Posteriormente formouse co pintor e ilustrador Leandro Lamas e, na actualidade, é a profesora de arte Begoña Gorostidi, a que a acompaña nesta andaina.

A mostra, que abre ao público desde este mércores, titúlase “Queridas Donas” e está adicada a todas as mulleres “que forman parte da miña vida, aos sentimentos e emocións das mulleres libres, mulleres namoradas, mulleres valentes, mulleres teimudas, mulleres apaixonadas, mulleres estresadas, mulleres solitarias, mulleres soas, mulleres ilusionadas, mulleres tristes, mulleres vitais, mulleres abandonadas, mulleres respetables, mulleres celosas, mulleres plenas...” A mostra inclúe acuarelas, óleos e acrílicos de estilo realista e abstracto. Obras nas que, ademais, emprega materiais cotiás coma o papel, a area e o xeso. Hai cadros feitos con pincel, con paleta, con rotulador e coas mans; empregando distintas técnicas para o seu acabado.

Quen queira achegarse pola sala de exposicións da Casa da Cultura pode facelo desde hoxe e ata o día 9 de setembro en horario de 10.30 a 13.30h. de luns a venres. As posibilidades amplíanse despois desa data, xa que a partir do 10 a sala abrirá das 10 ás 13.00h. de luns a sábado e tamén pola tarde, das 16 ás 21.00h. de luns a venres. Por razóns preventivas cómpre solicitar cita previa no 981 341 451.

Cultura

Publica o teu comentario agora