Quero cantar

Quero cantar cumpre tres anos
16 de Outubro, 2018 - 11:19 h. | Publicada por Radio Culleredo

O próximo venres día 19 de outubro remata o prazo de envío de cancións para a terceira edición do Certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar, que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña.

Quero cantar. 2017

Os grupos que queiran participar na terceira edición do Quero Cantar apuran os últimos días -dun prazo que comezara o pasado 20 de abril- para presentar os seus temas, paso previo antes do seguinte momento clave do concurso que é a reunión do xurado profesional que terá lugar o derradeiro día de outubro. O cometido deste xurado será decidir as cinco bandas por categoría que se han incluír no disco Quero Cantar 18, e as tres bandas, tamén por cada categoría, que o 17 de novembro deberán interpretar en directo as súas propostas no teatro Colón da Coruña. Nesa gala, un novo xurado, formado desta volta por nenas e nenos, para a categoría infantil, e por mozas e mozos para a xuvenil, outorgará os máximos galardóns da presente edición.
 
Os premios consisten en cantidades de 1500, 1000 e 500 euros para a compra de material musical, así como na gravación de dous videoclips.
 
A organización confía en repetir o nivel da pasada edición, cando os dous temas gañadores, Son muller, do grupo xuvenil Máis boas cás patacas de Teo, e Quero xogar, do grupo infantil Os nenos da vella da  Coruña obtiveron unha inusitada acollida tras a difusión dos seus respectivos videoclips.
 
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, anima "a que se envíen as cancións porque, á marxe de quen gañe, o que está confirmado pola experiencia das dúas edicións anteriores é o positiva que para todos os grupos é participar deste concurso que ten como obxectivo que as mozas e mozos canten na nosa lingua".
 
O certame Quero Cantar naceu cos obxectivos principais de contribuír ao fomento da creatividade poética e musical entre a rapazada, así como de normalizar o uso da lingua galega en calquera estilo da música popular contemporánea. A maior parte das maquetas recibidas nas dúas edicións anteriores poden escoitarse na páxina do proxecto, www.querocantar.gal, onde tamén se pode descargar a versión dixital dos dous discos editados ata o momento. A Deputación reparte os cd físicos entre centros escolares públicos de toda Galicia.
 
"Cada vez que chega unha nova proposta o primeiro que lles preguntamos, normalmente ás persoas adultas que colaboran ou actúan como representantes, é como consideran que influíu nas rapazas e rapaces o concurso; a resposta maioritaria é que os encheu de ilusión e que fixo que se esforzasen máis aínda e con máis gusto na súa formación musical. Velaí o auténtico obxectivo do certame", sinala Tono Formoso, o coordinador do único certame para cancións en galego interpretadas por bandas infantís e xuvenís que chega agora á terceira edición.

Cultura

Publica o teu comentario agora