Quintana: Tolerancia cero cos incendiarios

Quintana: Tolerancia cero cos incendiarios

20 de Agosto, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, aproveitou esta mañá unha visita ao concello pontevedrés de Moaña para solicitar a colaboración e a máxima responsabilidade á cidadanía, co fin de loitar contra a lacra dos incendios forestais e fíxoo de forma rotunda, pedindo “tolerancia cero cos incendiarios e con quen os defende”.  

Rosa Quintana salientou que se está a cumprir estritamente o Pladiga, contratando a 295 brigadas municipais como suplemento ao dispositivo de loita contra os incendios forestais. Así, a titular de Medio Rural e Mar informou que se superaron os límites establecidos no Plan de Loita, que contemplaba nunha primeira instancia a contratación de 275 brigadas e que, finalmente, foron 20 as brigadas municipais contratadas a maiores.

A conselleira lembrou que, nestes momentos, hai máis de 7.000 persoas traballando nos montes galegos baixo un único mando. A coordinación, engadiu, é completa e ordenada entre todas as persoas das brigadas municipais, autonómicas e as do Estado e, exemplo diso, é o tempo récord de resposta á hora de controlar e extinguir os incendios.

Así, no que levamos de ano, o número de lumes rexistrados ata onte ascende a 1.299, dos cales 1.032 foron de categoría conatos, 185 foron incendios e 82 queimas controladas. En canto á superficie afectada, foron unhas 2.200 hectáreas, das cales 1.700 se corresponden a incendios.

Sociedade