Rábade mellorará unha das súas rúas principais cunha axuda provincial de 300.000 euros

Rábade mellorará unha das súas rúas principais cunha axuda provincial de 300.000 euros

03 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A rúa Músico Crisanto mellorará o seu aspecto e os seus servizos gracias a unha achega de preto de 300.000 euros da Deputación, segundo adiantou o seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro durante unha visita ao concello o mércores 2 de xuño. A axuda está incluída dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros.

Esta rúa é de titularidade provincial, polo que debía ser a Deputación quen se fixera cargo da súa reparación. A institución lucense procederá á  pavimentación da zona con granito, ademais de poñer nova iluminación e construirá aparcadoiros. Neste senso Gómez Besteiro anunciou a cesión da rúa ao Concello,  “unha vez que rematen as obras”, para “dar resposta ás reivindicacións que dende hai tempo viñan facendo os cidadáns”.

Este vieiro rabadense perdeu toda utilidade como estrada, ao situarse nunha zona urbana e residencial, de aí que o mandatario provincial salientase que “o axeitado é que esta infraestrutura se perciba como unha rúa mais, xa que está no casco urbano, e que, polo tanto, responda así ao deseño que queren os veciños de Rábade”.

O Presidente adiantou que os técnicos da Deputación visitarán este municipio para realizar as medicións, avanzar no proxecto, e iniciar canto antes as obras. Con estes traballos, o organismo provincial segue a desenvolver o Plan posto en marcha para adiantar a saída á crise na provincia, e crear postos de emprego.

Gómez Besteiro destacou, ademais que “fronte a outras administracións que reduciron a obra pública – referíndose á Xunta de Galicia- nun 60%, a Deputación puxo en marcha esta macro-programación dentro da aposta pola máxima cooperación con todos os Concellos lucenses. Nestes momentos nos que se termina o Plan E, unha iniciativa do Goberno Central na que participamos subvencionando os proxectos, seguimos cooperando con todos os municipios da provincia cunha inxección de 60 millóns de euros.”

Durante a visita a este Concello, o Presidente, que estivo acompañado polo Alcalde, Francisco José Fernández, tivo oportunidade de asinar no Libro de Honra de Rábade.

Sociedade