A ría de Ferrol, unha ría a recuperar

A ría de Ferrol, unha ría a recuperar

06 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

É o título dun traballo elaborado polo biólogo da Cofradía de Barallobre, Joam Luis Ferreiro. Non se trata dun estudio científico senón dun relato sobre a situación actual da ría e sobre a necesidade da súa recuperación integral.

 A pesares de ser unha das máis ricas de toda Galicia, a de Ferrol é unha das rías máis contaminadas, segundo o biólogo da Cofradía de Barallobre, autor do estudo “A ría de Ferrol, unha ría a recuperar”. Joam Luis Ferreiro apunta aos verquidos orgánicos producidos polas máis de 130.000 persoas que residen ao seu carón coma un dos factores que están a influir no deterioro da ría. Pero hai outros, tan ou máis perigosos aínda, coma os verquidos industrais procedentes de distintas empresas asentadas na comarca ou os recheos que alteran as correntes e degradan os fondos mariños.  

Joam Luis Ferreiro afirma que a posta en marcha das depuradoras de augas residuais na ría de Ferrol é o primeiro paso pero “non debe ser o único” se aspiramos a súa recuperación integral. Para o biólogo é fundamental que se controlen os verquidos pero tamén que se eliminen aqueles recheos que perderon a súa utilidade.

O estudio “A ría de Ferrol, unha ría a recuperar” presentouse no Ateneo Ferrolán, no marco das xornadas sobre o medio mariño que organizou en febreiro a Sociedade Galega de Historia Natural. O autor agarda que este traballo se difunda e chegue ao maior número de organismos e persoas posibles.

Sociedade