Radio Fene coas persoas maiores

Radio Fene coas persoas maiores
09 de Abril, 2020 - 09:52 h. | Publicada por Radio Fene

Os concellos, como administracións máis próximas á veciñanza, tiveron que aplicarse a fondo desde o pasado 15 de marzo para continuar prestando os seus servizos nunha situación que lles esixiu modificar de arriba abaixo as rutinas de traballo e , ademais, multiplicar os esforzos para cubrir a atención aos colectivos máis vulnerables. Tras un primeiro momento de reorganización acelerada dos recursos asistenciais dispoñibles, a Concellaría de Servizos Sociais de Fene puxo en marcha distintas accións dirixidas principalmente a persoas maiores, dependentes, e familias en risco de exclusión que xa estaban sendo atendidas ou que viven unha situación difícil debido ás actuais circunstancias. En Radio Fene programaranse sesións de "Recuperación da memoria" dentro da súa programación os luns e mércores ás doce do mediodia.

Servizos Sociais de Fene

Servizos Sociais adoptou como primeira medida un protocolo coordinado co SAF, a Policía Local e Protección Civil para cubrir as necesidades das persoas que puidesen precisar axuda para ir mercar produtos básicos -alimentación, artigos de hixiene, medicamento, etc.- ou incluso acompañamento para levar mellor a situación. 

 

De feito, xa na primeira semana do confinamento, este protocolo empezou a funcionar en todo o territorio a través dos teléfonos 981 492 706 e 607 616 253 -de 8.30 a 15.00h.- e do 604 055 703 en horario ampliado de luns a venres de 9 a 21.00h, deixando o de Protección Civil -663 379 073- para avisos de emerxencia ou peticións de axuda as 24 horas do día e 7 días á semana.

 

A esta información de servizo público déuselle difusión a través da web e das redes sociais do municipio. Mesmo se foi un paso máis aló imprimindo centos de carteis que se distribuíron polos establecementos aínda abertos en todo o concello e que tamén se pegaron en vehículos de reparto de pan e peixe,  pensando principalmente no rural, nas persoas maiores e en todas aquelas que non navegan pola rede.

 

Desde a Concellaría informan, ademais, que nestes momentos é o Concello de Fene quen están facilitando vales de alimentos a preto de 40 familias en risco de exclusión, despois de que a Xunta lle retirase á asociación Amigos de Galicia a autorización sanitaria para ofrecer esta prestación. Trátase dunha medida temporal, posto que o consistorio ten previsto suscribir a semana que vén un convenio con Dignidad-Galicia para cubrir todas aquelas emerxencias ou situacións que precisan dunha resposta inmediata, como a subministración de alimentos ou o pagamento de medicamentos a persoas sen recursos. O acordo terá unha duración inicial de tres meses con posibilidade de prorrogalo durante máis tempo.  

 

Reforzo da área

Xunto con este incremento asistencial extraordinario, o departamento reforzouse cunha nova traballadora social que está a coordinar todo o relacionado coa problemática derivada do coronavirus.  

 

No caso do SAF estase tramitando a alta no servizo de arredor de 90 persoas que se encontraban en lista de agarda e o persoal técnico da área tamén fai un seguimento máis exhaustivo da situación de mulleres e menores vítimas da violencia de xénero.

 

Por outra banda, e en relación coa infancia e a mocidade, o Concello mantivo conversas cos colexios para facilitar que toda a rapazada que non conte con acceso a internet poida dispor de material de estudo enviado desde os propios centros de ensino. 

 

 

Atención normalizada

Tal e como sinala a responsable de Servizos Sociais, Mari Carmen Martínez, "os primeiros días foron de moitísimo traballo tentando afrontar unha situación coa que ninguén contaba. Agora a situación segue sendo complicada, pero temos en marcha un sistema que nos permite atender as peticións que nos van chegando, sen desatender todo o labor asistencial que se viña prestando desde antes da crise,  que agora tamén se incrementou".

 

Para garantir que ninguén poida quedar nunha situación de desprotección, Servizos Sociais está chamando aos veciños e veciñas maiores de 75 anos -arredor de 2.000 persoas- que vivan soas ou en compañía da súa parella, de cara a facilitarlles información sobre os servizos que ten en marcha o Concello por se precisasen facer uso deles. 

 

Para este colectivo mantéñense os obradoiros virtuais de Memoria Activa co fin de non tomperlles as rutinas anteriores á crise, en especial as de aquelas persoas que pertencen ao grupo de Recuperación de Memoria. A partir do próximo luns as sesións tamén terán un oco na programación de Radio Fene "xa que hai persoas que non acceden a internet, ben porque non o teñen ou ben porque non saben utilizalo, e precisarían de alguén ao seu lado durante a hora e media que dura o taller", explica Martínez. As emisións programáronse para os luns e mércores entre as 12 e as 13.30h. na emisora local.  

 

Tamén se impulsou o programa "Tardes Activas na casa", que propón desde a web municipal retos fotográficos, adiviñas e actividades para exercitar a memoria pensadas para toda a poboación maior de 55 anos, fose ou non participante nesta iniciativa antes do comezo da crise sanitaria. 

Os servizos sociais municipais lembran que ante calquera necesidade asistencial urxente -alimentos, medicamentos, produtos básicos- pódese contactar co Centro Municipal de Servizos Sociais -981 492 706 / 981 342 607 / 607 616 840- ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal. Tamén se pode solicitar axuda no teléfono do Concello -981 492 707- de luns a venres en horario de mañá, no da Policía Local -981 492 777- ou na agrupación de Protección Civil -663 379 073- quen atenden este tipo de peticións durante todos os días da semana entre as 7.30 e as 21.30h.  

 

 

Institucional

Publica o teu comentario agora