Radio Fene, emisora pioneira no emprego do galego

Radio Fene, emisora pioneira no emprego do galego

01 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

11 de setembro de 1984. Unha emisora local abríase aos cidadáns feneses, Radio Fene. A primeira emisora en emitir en galego. Nos seus inicios supuxo toda unha revolución porque a información local non contaba coa importancia que  merecía. Despois da experiencia frustrada de Radio As Mariñas en Oleiros, unha radio local conquistaba a estabilidade. Agora no 2009 aquela emisora municipal cumpre 25 anos.

O primeiro director de Radio Fene, foi un xovencísimo Pablo Lago. Segundo declarou esta mañá para Radiofusión, dende o seu punto de vista profesional e persoal, o seu paso por aquela modesta Radio Fene, foi clave para estar onde se atopa actualmente.

Xoven e con ganas de aprender saía a antena o 11 de setembro de 1984 presentándose da man do “ factotum” Daniel Romero quen lideraba o equipo radiofónico nos seus comezos. Un día que coincidía cunha triste suceso, o aniversario do golpe de Estado de Pinochet en Chile.

Neses primeiros pasos da emisora o equipo e colaboradores facían todos un pouco de todo. Estaban Arturo como técnico, Begoña levando o magazine, Xoana Balado e Gonzalo cun programa de teatro, o finado Lois Abelleiro. Cabe destacar a recoñecida actriz Mabel Rivera, quen tamén fixo os seus pinitos nesta casa. Xan carmona, actual Catedrático de Economía na Universidade de Santiago, colaboraba cun programa musical e tamén Antón Reixa e o seu “Conexión Naval estival".

Pablo Lago destaca o fito histórico de ser a primeira emisora galega en emitir na nosa lingua, un ano antes incluso que a Radio Galega.

Facíanse talleres de radio cos escolares de Fene, onde xa despuntaba a escritora e actriz Paula Carballeira. Outro dos fitos deste Radio Fene en cueiros foi o paso do “Hortensia”. Aos pucos días de funcionar, Radio Fene emitiu durante toda a xornada grazas a un xenerador. Houbo un apagón xeral de luz e nengunha Radio máis contaba o que acontecía ao paso do temporal. Unha programación ininterrumpida  de servizo público. Pablo lago lembra como os oíntes chamaban para obter información, como lles traían comida e a solidariedade da cidadanía. Unha xornada moi emotiva que permanece agochada na memoria do xornalista.

Desta maratón radiofónica deixou constancia Manuel Rivas nunha das súas crónicas. Pero ese ano o Concello de Fene sufriu o seu maior revés. Chegou a reconversión que marcou a vida da emisora. Os veciños amosaban o seu descontento, as mobilizacións saían ás rúas. Lago salienta a asamblea de mulleres que se sumaron ás reclamacións dos seus maridos que veían como perigaban os seus postos de traballo. Radio fene tamén se converteu no movemento aglutinador destas mulleres.

A pesares de comezar de xeito ilegal e das advertencias por parte das autoridades, Radio Fene abriu unha normativa que tiña que chegar, afirma Pablo Lago. Conseguiron manterse en antena, moito veces grazas ao apoio dos cidadáns de Fene. Radio Fene convertíase así na punta de lanza  e pioneira das radios locáis galegas.

Sociedade