Ramona Órbita

Unha señora do Courel protagoniza o novo traballo de Pakolas
16 de Setembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha señora da Serra do Courel protagoniza “Ramona Órbita. Dona do tempo”, o último traballo musical de Pakolas. O libro-disco maquinouse durante o confinamento.

ESCOITA O PODCAST:
Paco Cerdeira "Pakolas"

Ramona ten unha horta cibernética con patacas automáticas que se sementan e recollen soas, sen ter que agacharse. Pero o máis importante é o seu invento da máquina do tempo. Nela viaxa para atopar tecnoloxía adecuada e mellorar o mundo, o que dan en chamar enerxías limpas. Cada canción é unha viaxe de Ramona no tempo. Únense así historia e ecoloxía. A canción que máis fai gozar a Pakolas é a do antigo Exipto. Aló está o arquitecto de Ramsés II, farto do faraón porque lle obriga a carrexar moitas pedras. A súa canción favorita é “Nai Devesa”. Imaxina Paco Cerdeira que a nai do apalpador podería ser unha devesa como a da Serra do Courel.

O novo libro- disco cociñouse durante o confinamento. O público potencial de Ramona poden ser os nenos e nenas entre 4 e 9 anos. Nos concertos que van xurdindo na nova normalidade, “que non ten nada de normal” afirma Cerdeira, vai introducindo cancións de Ramona Órbita e retirando outras do vello disco. De momento, as actuacións nos colexios están difíciles por non dicir imposibles. “Bastante teñen as mestras e mestres que aínda están co metro na man neste inicio de curso caótico” explica Pakolas. “A ver se para a primavera de 2021. Hai que agardar a que pasen os medos”. El confesa estar en activo, coa axenda aberta e algún concerto programado, os máis inmediatos en Alfoz (dia 18) Muxía (19) Santiago de Compostela (25) Ares (26) e Valga (29). Poden consultar a axenda na súa web www.pakolas.com

Cultura

Publica o teu comentario agora