Raquel Arias inaugurou onte en Guitiriz o Curso Básico de Protección Civil con voluntarios de catro concellos da Coruña e Lugo

Raquel Arias inaugurou onte en Guitiriz o Curso Básico de Protección Civil con voluntarios de catro concellos da Coruña e Lugo

06 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, inaugurou onte o Curso básico de Protección Civil que ao longo desta semana terá lugar na Casa Habanera, de Guitiriz, e no que participan unha trintena de voluntarios deste concello así como de Vilalba, Melide e Arzúa.

A delegada aproveitou a ocasión para aplaudir o labor que desempeñan as agrupacións  locais de protección civil, que “por cuestións de proximidade, en numerosas ocasións son os primeiros en acudir cando ocorre unha emerxencia”.  Así mesmo, gabou o esforzo que realizan os voluntarios e voluntarias por ampliar a súa formación, “alargando as xornadas ata máis alá das once da noite por vir a este curso”.

Guitiriz será a primeira sede dos catro cursos sobre coñecementos básicos de protección civil que se desenvolverán na provincia, financiados pola Academia Galega de Seguridade Pública  e organizados polo Servizo de Emerxencias e Interior da Delegación Territorial de Lugo.

Estas actividades formativas condensan nocións fundamentais en materia de incendios, comunicacións ou primeiros auxilios, así como coñecementos de utilidade acerca do funcionamento e coordinación co servizo 112. As clases son impartidas por persoal do Servizo de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, bombeiros e médicos do 061.

Sarria acollerá outro curso entre os días 19 e 24 de abril, e culminarán a programación deste ano os cursos de Lugo e Folgoso do Courel.

Sociedade