Raquel Arias visita as obras da escola de Sistallo, que está a ser rehabilitada polos alumnos do obradoiro de Cospeito

Raquel Arias visita as obras da escola de Sistallo, que está a ser rehabilitada polos alumnos do obradoiro de Cospeito

03 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

As obras da escola unitaria de Cospeito, que está a ser rehabilitada por 25 alumnos do obradoiro de emprego do Concello recibiu hoxe a visita da delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, para comprobar o estado actual desta infraestrutura que será convertida en vivenda.

O proxecto, financiado cunha subvención de 530.190 euros por parte da Consellería de Traballo e Benestar, inclúe tamén a recuperación das escolas de Muimenta e de Roás. A primeira será empregada no futuro como  local social para os veciños, mentres que a segunda será un local comunitario, así como unha vivenda. Os participantes no obradoiro de emprego reciben formación teórica e práctica nas especialidades de albanelería e carpintería de madeira durante o ano completo que dura esta acción formativa.

Raquel Arias, que fixo a visita acompañada do alcalde da vila chairega, Armando Castosa, lembrou que os obradoiros de emprego son unha ferramenta da Consellería de Traballo e Benestar para mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas maiores de 25 anos, “adquirindo destrezas profesionais en oficios que teñen demanda no mercado laboral”. No caso concreto deste proxecto, a delegada subliñou que a meirande parte dos alumnos son “mulleres e, en xeral, mozos e mozas menores de 35 anos”.

Estes alumnos reciben un soldo polo seu traballo ao tempo que reciben a formación necesaria para reorientar a súa vida laboral. Estes obradoiros están orientados á realización de obras e servizos de interese para os cidadáns que propoñen as propias entidades promotoras, como foi, neste caso, o concello de Cospeito.

A delegada sinalou que unha das grandes virtudes dos obradoiros de emprego “é, precisamente, que recuperan espazos para os veciños, incrementando así as dotacións dos pobos e vilas”.

Outros programas formativos
A Consellería de Traballo e Benestar informou de que porá en marcha ao longo deste ano outros 23 obradoiros de emprego e 6 Unidades de Promoción e Desenvolvemento (UPD) na provincia de Lugo, cun investimento total de 14.937.144 euros e proporcionan traballo a 651 persoas.

Os obradoiros actualmente en funcionamento rematarán a finais de ano ou neste mes de xuño –segundo a data de inicio- pero pronto se sumarán outros seis proxectos recentemente aprobados: O obradoiro “Servizos á comunidade”, desenvolvido polo Inludes, e a UPD do Pacto Territorial polo Emprego de Lugo, que se prorrogan, e os obradoiros promovidos polos concellos de Cervo, O Saviñao, Ourol e Láncara. Estas novas iniciativas suman un investimento de 2.534.753,4 euros.

Sociedade