Reabre o Teatro Colón de A Coruña

Reabre o Teatro Colón de A Coruña

29 de Maio, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O presidente da Deputación asinou esta mañá o contrato coa UTE que xestionará o teatro durante o próximos cinco anos. Afirmou Diego Calvo que a reapertura do Colón pecha unha semana de grandes noticias para A Coruña.  
A programación comezará o día 15 coa obra de teatro "El tipo de la tumba de al lado", dirixida por Josep María Pou e protagonizada por Maribel Verdú e Antonio Molero. Mario Vega, que

O ascenso do Deportivo, o campionato de Europa para o Liceo, a presentación das festas de San Xoan, o interese dunha empresa Chinesa para investir no porto exterior e a intención de Pemex de elixir Langosteira como porta de entrada a Europa. Todas estas boas noticias citou esta mañá Diego Calvo antes de concluír que "nesta semana Grande para A Coruña faltaba o apartado cultural, que o traemos nós hoxe co anuncio da reapertura do Teatro Colón". Sobre o escenario do teatro asinou o contrato que converte oficialmente en adxudicataria da súa xestión á UTE formada por Xestión de Espazos Culturais e de Lecer, Eulen e Unahoramenosproducciones, que pasará a chamarse UTE Teatro Colón.

O documento rubricouno con Juan Pablo Guerrero, xerente da nova entidade. Diego Calvo explicou que a Deputación da Coruña traballou moi duro para cumprir cos prazos establecidos desde un principio, que fixaban a reapertura do centro para antes do verán. De igual modo, confirmou que se tivo moi en conta para a adxudicación da xestión do recinto, que manterá a súa titularidade pública, así como a calidade da programación.

Pola súa banda, Mario Vega, fundador de Unahoramenosproducciones, será o encargado da programación do recinto cultural e, durante a súa intervención, situou ao Teatro como "un referente xa non só para a cidade, senón para toda a provincia". Explicou que os obxectivos do seu traballo basearánse en tres piares básicos: a estabilidade na programación, a solidez na xestión e a fortaleza na comunicación e a difusión.

Falou tamén da política de axuste de prezos, que incluirá descontos para estudantes, desempregados e pensionistas, e de que a nova empresa non busca "unha rendibilidade inmediata", senón que aposta por unha "política de calidade".

Respecto da programación máis inmediata, anunciou que a primeira representación terá lugar o día 15 de xuño. Será "El tipo de la tumba de al lado", dirixida por Josep María Pou e protagonizada por Maribel Verdú e Antonio Molero. A grandes liñas, falou tamén doutros espectáculos previstos, como visitas guiadas para escolares a partir de setembro, unha ampla programación infantil, un ciclo de jazz e outro de "Noites galegas", ou un musical de Paloma San Basilio, programado para fin de ano. Tamén están pechadas para este verán as actuacións de Carlos Branco, Milladoiro ou Rober Bodegas.

As entradas para as representacións estarán á venda desde hoxe mesmo a través da páxina web teatrocolon.es, a rede Servinova ou no despacho de billetes do teatro dúas horas antes de cada espectáculo.

Sociedade