Rebeca Atencia, muller tiña que ser

Ela é a muller homenaxeada polo 8 de marzo. A súa adicación é salvar chimpancés no Congo
05 de Marzo, 2019 - 10:47 h. | Publicada por Radio Fene

A ferrolá Rebeca Atencia dirixe dende hai máis de dez anos a Fundación Jane Goodall en Congo, o maior centro de rescate e rehabilitación de chimpancés de África. A homenaxeada este ano polo 8 de Marzo criouse na parroquia ferrolá de Cobas. O mércores 6 de marzo, ás 20:00h, recibe o galardón 8 de Marzo de mans do Alcalde de Ferrol, no Teatro Xofre.

A Dra. Rebeca Atencia é veterinaria e dirixe desde fai máis dunha década a oficina do Instituto Jane Goodall en Congo, sendo a responsable do maior centro de rescate e rehabilitación de chimpancés en África. Pola súa capacidade de inspirar aos demais co seu incansable traballo e compromiso, foi nomeada pola prestixiosa revista estadounidense Newsweek como unha das 20 "Mulleres do futuro" a nivel global. “Sempre tiven claro o meu interese pola natureza. Crieime nunha casa de campo nos arredores de Ferrol, así que a miña infancia era un continuo ir e vir aos bosques galegos xunto cos meus irmáns. Alí aprendín a observar e admirar a natureza, a maxia dos bosques cos seus animais ocultos cos seus sons e os cheiros xenuínos”. Son palabras sobre as súas orixes, da homenaxeada no 8 de marzo deste ano 2019 polo concello de Ferrol no Día da Muller.

Rebeca Atencia decidiu enfocar a súa vida a axudar aos animais. Desde o primeiro momento os chimpancés impresionáronlle moitísimo. Así que en 2004 xurdiulle a oportunidade de ir ao Congo e ofrecéronlle poder traballar durante un ano na reintroducción de chimpancés. Namorou do Congo e de África. Jane Goodall atopábase nesa época visitando diferentes proxectos, tentando buscar unha continuidade no seu centro de rescate e rehabilitación de Tchimpounga, tamén en Congo. Así que entre outros sitios foi visitar no medio da selva , o lugar onde se encontraba a veterinaria ferrolá. " Hai veces que estamos no momento correcto na hora correcta, iso foi o que me ocorreu a mín" declarou en máis dunha ocasión Rebeca Atencia. Unhas cousas levaron a outras e ofrecéronlle empezar a traballar para Jane Goodall no centro de rehabilitación de Chimpancés de Tchimpounga, en canto terminase en Help Congo. E así ocorreu, meses máis tarde empezou como Manager en Tchimpounga.

O furtivismo segue sendo un problema de primeira magnitude e en gran parte está provocado pola deforestación. Eses son os grandes enemigos dos chimpancés que tenta salvar Rebeca Atencia.

Sociedade

Publica o teu comentario agora