Reclaman dados sobre os traballadores das auxiliares de Navantia

Reclaman dados sobre os traballadores das auxiliares de Navantia

01 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A CIG de Navantia Fene reclama da dirección da empresa dados sobre o número e condicións laborais dos traballadores das compañias auxiliares. Os representantes sindicais reiterarán esta demanda a vindeira semana no comité intercentros en Madrid.

Segundo afirma a Confederación Intersindical Galega, xa presentou en numerosas ocasións esta petición sen que fose atendida. Por iso non desbotan requerir a presenza da Inspección de Traballo para que comprobe os contratos e os horarios dos empregados das auxiliares. A situación adquire especial gravidade en reparacións onde o plantel propio se limita a 11 traballadores.

Seis buques reparan nestes momentos na división de carenas de Navantia. Tres deles son gaseiros e outros tres mercantes.A unidade de negocio de reparacións pensa intensificar o seu traballo nos tres meses que restan para finalizar o ano. O ritmo da entrada de buques en Navantia pode intensificarse por mor das restriccións medioambientais que entrarán en vigor o 1 de xaneiro do 2010. Nesa data os barcos que naveguen por augas comunitarias non poderán queimar fuel por riba do 0,1%. Por ese motivo a maioria dos gaseiros deben rectificar as súas caldeiras para non incumprir a normativa. Por ese motivo, a división de reparacións pensa manter a final de ano o seu volume de negocio con respecto a anos anteriores, a pesar da crise económica.

Sociedade