Reclaman máis autobuses

Reclaman máis autobuses
02 de Xaneiro, 2020 - 08:25 h. | Publicada por Radio Fene

Utilizamos o transporte máis caro e o máis contaminante. Para desprazármonos de Fene a Ferrol a maioría usamos o vehículo particular. O máis frecuente é que cada turismo circule cun único ocupante. Tamén é verdade que hai poucas frecuencias de autobuses e o tren practicamente non existe. Co ano 2020, Ferrol estreou un novo servizo de buses urbanos do que se encarga a empresa Alsa. A ruta número vinte vai do porto de Ferrol ao Puntal en Neda.

ESCOITA O PODCAST:

http://173.255.131.18/audio/030120AUTOBUS.mp3

Fotografía e entrevistas realizadas por Tatty Lavandeira

Autobús de Fene a Ferrol

En 2015, 25.815 vehículos diarios atravesaban a ponte das Pías. Transportaban a arredor de trinta mil persoas porque na maioría dos casos o coche vai cun único ocupante. Diariamente o autobús o utilizan novecentos viaxeiros, mentres que optan polo tren noventa cidadáns.
As queixas das persoas usuarias do autobús refírense á escaseza de servizos para ir ao hospital. Tamén teñen que vir máis puntuais.
Fene e Ferrol necesitan unha maior frecuencia para atender ao volume da poboación. De luns a venres pasan cada media hora, pero os sábados e domingos cada hora ou cada dúas horas. Os autobuses veñen moi de tarde en tarde. Hai que esperar que veña.

O prezo do autobús de ida e volta a Ferrol está en un euro con setenta e seis, sempre que se utilice a tarxeta metropolitana. Ir e volver de Fene a Ferrol nun turismo sae sobre tres euros, segundo os cálculos de revistas especializadas.
As persoas usuarias do autobús valoran a comodidade e a economía da tarxeta metropolitana. Que non nos quiten a tarxeta pero o viaxeiro ten que estar á hora que sabe que pasa o bus.
Se comparamos a contaminación por vehículo utilizado, poñemos na balanza o CO2 emitido por quilómetro e pasaxeiro. Un turismo emite 104 gramos, por sesenta e oito do autobús e catorce do tren. A poboación reclama un maior e mellor servizo de tren e de autobús para poder deixar o coche particular na casa e así contaminar menos.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora