Reclaman un plan de choque para o sector lácteo

Reclaman un plan de choque para o sector lácteo

09 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Sindicato Labrego Galego (SLG) solicitou ao futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que convoque de modo "inmediato" e "urxente" a reunión coas organizacións agrarias da comunidade anunciada polo líder popular. A responsable sindical, Carme Freire, alertou de que a situación que atravesan as explotacións lácteas é "insostible" e esixe a adopción de medidas urxentes

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, sinalou que o Goberno galego debe establecer un "plan de choque" para facer fronte á actual conxuntura dos gandeiros de Galicia. En especial, recordou a situación de aqueles gandeiros que están a vender a súa materia prima a 16 céntimos por litro para a súa transformación en pó ao carecer de compradores, cando producir un litro custa a un gandeiro algo máis de 30 céntimos. A responsable da organización agraria alertou de que a situación é "gravísima" tanto para os titulares das granxas leiteiras coma para os profesionais que dependen de forma directa do sector lácteo, entre os que citou fabricantes de pensos e abonos, veterinarios, empresas de servizos ou talleres de maquinaria agrícola, entre outros. En concreto, o Sindicato Labrego Galego demandou que a Xunta estableza "axudas inmediatas" mediante empréstitos que permitan aos produtores lácteos asumir as débedas contraídas con fabricantes de pensos e abonos, veterinarios e entidades financeiras. Asimesmo pediu que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) habilite liñas de refinanciamento desa débeda, de forma que en lugar de ter que liquidala en cinco anos se poida prolongar a 15 ou 20, así como de acceso a liquidez.

 



 

Outro sindicato, Unións Agrarias, expresaba a súa intención de denunciar á empresa Leite Celta se esta teimaba en reclamar a supertaxa correspondente á campaña 95-96. Os gandeiros lembran que as cantidades foran avaladas pola Xunta e que non deben asumir ningún pagamento.

 

Á vista da situación, a Consellaría do Medio Rural confirmou o argumento dos gandeiros e aclarou que os produtores non van ter que facerlle fronte de forma directa ao pagamento da taxa, posto que se trata dun tema xa zanxado con anterioridade. Segundo a Administración houbo un malentendido que puido derivarse do cambio sucesivo de propietarios de Leite Celta.

Sociedade